Rouban máis de 700 euros en material da cantina do Revel en Vilalonga
Por Redacción
A Garda Civil investiga o roubo que durante a madrugada do xoves 30 se cometía na cantina do campo de fútbol do Revel en Vilalonga (Sanxenxo). Os ladróns forzaron o fecho da entrada durante a noite e conseguiron un botín consistente en diferentes materiais de venda ao público dende bolsas de patacas, caixas de gominolas, bolería, latas de bebidas, leite e café.
Segundo sinalaban os encargados do establecemento, leváronse tamén electrodomésticos: unha cafeteira, termos, microondas, xerras para o leite e o café, un quentador de leite estragado, o cubo de lixo e unha caixa que, segundo temen as vítimas do roubo, foron utilizados para trasladar toda a mercadoría. O botín ascende a máis de 700 euros entre os distintos produtos que foron obxecto do roubo.
En febreiro, esta cantina tamén foi obxectivo dos ladróns que se levaron tamén produtos de venda ao público por valor de 400 euros.