Rouban chuches e bebidas por valor de 400 euros na cantina do campo de fútbol do Revel en Vilalonga
Por Redacción
A Garda Civil investiga o roubo que este martes se cometía na cantina do campo de fútbol do Revel en Vilalonga (Sanxenxo) no que os ladróns conseguiron un botin consistente en bebidas, pastelitos, gominolas, sacos de flocos de millo e gusanitos, ademais das patacas fritas de bolsa que se encontraban nos estantes do local. Segundo a encargada do establecemento, Sandra Estévez, a mercadoría que se levaron alcanza os 400 euros.
Os asaltantes non causaron danos nas instalacións. Segundo relata Sandra Estévez que, co seu marido con quen leva o negocio, presentou a denuncia ante a Garda Civil, os ladróns "non romperon nada. Colleron o bidón da basura, quitáronlle a bolsa e meteron as bebidas e todo o demais dentro. E levaron todo no bidón". Tamén se levaron dez euros dunha cota que ían pasalo ao secretario do club"pero non se levaron máis cartos porque sempre recollemos todo o diñeiro".
Os autores do roubo, segundo apunta a responsable da cantina, tiñan como obxectivo levarse os produtos de consumo porque deixaron distintos materiais domésticos como un microondas, unha cafeteira, unha televisión, unha cadea musical e a bicicleta dun neno.
Trátase da primeira vez que a cantina deste campo de fútbol, que se abriu durante a temporada pasada, sofre un roubo. Non obstante, o portal de entrada ao campo xa fora forzado días atrás. "Igual entraron para ver como podían facer", comenta a vítima do roubo que sinala que ademais hai un anaco de valo próximo ás bancadas que se derrubou coas chuvias e non foi reparado polo que é unha zona de doado acceso "e se queren facer dano é moi fácil escapar".
Esta mesma semana producíase un roubo de parecidas características na cantina do campo de fútbol de Marcón.