Forzan o campo de fútbol de Marcón e lévanse paquetes de Coca-Cola e hamburguesas
Por Redacción
A directiva do Marcón Atlético levouse un bo susto na tarde deste luns cando chegou ás instalacións do campo de fútbol para comezar cos adestramentos da xornada. A porta traseira de acceso estaba forzada e, xa dentro, as dúas portas da cantina, violentadas. Non lles fixo falta moito para descubrir que pasara: faltaba parte da mercadoría.
O club chamou a Policía Nacional e fixo inventario. Os presentes comprobaron que os ladróns entraron á forza nas instalacións para levarse tres paquetes con latas de Coca-Cola, 12 zumes, varias hamburguesas, pan de hamburguesa e 15 euros en efectivo.
Ao longo da tarde desprazáronse ao campo axentes da Policía Científica para revisar as instalacións e recoller probas que axuden a resolver o roubo con forza. A incidencia alterou as actividades habituais do club, en particular, os adestramentos dalgúns dos equipos infantís do club.
Fontes policiais confirmaron que hai presentada unha denuncia, pero aínda non se esclareceu o roubo.