Aumentan en Poio as ordes de protección a vítimas de maltrato e os casos en mulleres maiores de 65 anos
Por Redacción
Un total de 22 mulleres vítimas de violencia de xénero contan cunha orde de protección vixente no Concello de Poio. Son tres máis que no último reconto, realizado o pasado mes de marzo. Estes datos, achegados tanto polas forzas e corpos de seguridade do Estado coma polas técnicas do Centro de Información á Muller (CIM) do municipio, foron analizados na Mesa de Violencia de Xénero, celebrada este mércores.
A mesa, presidida pola concelleira de Benestar Social, Lidia Salgueiro, comprobou como destas mulleres, 17 acudiron ao CIM para asesoramento xurídico ou ben en busca de apoio psicolóxico.
Ademais, tramitáronse cinco axudas periódicas para as vítimas, os denominados como salarios da liberdade; catro rendas activas de inserción e seis altas no teléfono de axuda á muller. Neste último aspecto, Poio conta con 14 usuarias habituais.
A gran maioría destas vítimas de violencia de xénero son persoas novas e con cargas familiares
Dende o punto de vista da intervención do departamento psicolóxico do CIM, 12 desas 17 mulleres están a recibir tratamento de forma continuada, ao igual que outra vintena de vítimas de violencia de xénero que, na actualidade, xa non teñen orde de afastamento vixente ou aquelas que sendo vítimas non quixeron denunciar.
Algunhas destas vítimas, segundo se comprobou nesta reunión, reciben esta axuda psicolóxica por dificultades no ámbito familiar cos seus fillos, "que repiten os modelos que viviron", sinalou a concelleira de Benestar Social.
A gran maioría destas vítimas son persoas novas e con cargas familiares, aínda que se está a detectar en Poio un repunte no caso de mulleres maiores de 65 anos que viven situacións de maltrato físico ou psicolóxico. Actualmente, moitos destes episodios son consecuencia de relacións entre ex parellas e problemas relacionados coa custodia ou o réxime de visitas dos fillos en común.