Deteñen o ladrón de bicicletas
Por Redacción
Un individuo de 48 anos de idade, veciño de Pontevedra, con antecedentes policiais, foi detido pola Policía Nacional como presunto autor de tres delitos de furto e unha falta de furto de catro bicicletas.
O primeiro dos feitos tivo lugar o día 1 de outubro cando presentaba denuncia en Comisaría o propietario dunha bicicleta valorada en 360 euros que o propietario deixara nas inmediacións da rúa Maestranza desta cidade.
Outro afectado interpuxo denuncia o día 3 de outubro, ao parecer tras deixar a bicicleta apoiada nunha parede dunha rúa de Pontevedra e facer un recado rápido, ao regresar descubriu que a bicicleta xa non se encontraba no lugar. O propietario da bicicleta valorouna en 800 euros.
Posteriormente o día 9 de outubro, outro veciño de Pontevedra deu conta da subtracción dunha bicicleta da súa propiedade nas inmediacións da rúa Maestranza. Ao parecer sobre as 10.00 horas do día 8 de outubro tras deixar a bicicleta estacionada nun lugar habilitado a tal fin, accedeu ao seu lugar de traballo e unha vez finalizado este comprobou que a bicicleta xa non se encontraba no lugar. A bicicleta está valorada en 2.800 euros.
Finalmente o día 22 de outubro interpoñía denuncia pola subtracción dunha bicicleta valorada en 2.500 euros un veciño de Pontevedra que a deixara perfectamente estacionada e candada.
A raíz de todas estas denuncias os axentes iniciaron as investigacións para tratar de descubrir a identidade do autor das subtraccións, que deu como resultado a identificación, localización e posterior detención o día 27 de outubro ás 16.30 horas da tarde do presunto autor dos feitos.
Segundo informan fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra, unha vez en dependencias policiais o detido recoñeceu ter no seu poder unha das bicicletas denunciadas como subtraídas, concretamente a valorada en 2.800 euros que entregou de forma voluntaria aos axentes.
Por todo iso e tras recoñecer o propietario a bicicleta como súa, os axentes procederon á entrega desta.