Recuperan en Campañó unha motocicleta de trial subtraída do interior dun galpón
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Pontevedra recuperaron o pasado martes unha motocicleta de trial que fora denunciada como subtraída.
Tras recibir a chamada telefónica dun veciño de Campañó alertando da presenza dunha moto tirada nas proximidades do colexio, unha patrulla achegouse ao lugar.
Unha vez alí comprobaron que a motocicleta, de tipo trial, non tiña matrícula e o número de bastidor estaba practicamente borrado e modificado.
Ese mesmo día, tras iniciarse as xestións para descubrir a procedencia do vehículo, compareceu en dependencias policiais un veciño de Pontevedra declarando ser o propietario da moto.
O dono declarou que o vehículo, valorado en 600 euros, fora subtraído do interior dun galpón, explicando ademais que carecía de matrícula porque só se utilizaba en circuítos pechados. Tras a declaración os axentes procederon a entregarlle a moto.