Xa poden comezar as obras de reforma da estación de autobuses
Por Redacción
As obras da estación de autobuses de Pontevedra xa teñen os permisos correspondentes, logo de contar con todos os informes técnicos favorables. O asunto foi tratado, fóra da orde do día, na Comisión de Urbanismo celebrada este martes no Concello de Pontevedra.
As obras están promovidas pola Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A licenza, que será aprobada na próxima Xunta de Goberno Local, estaba pendente dende o pasado mes de agosto. Os técnicos municipais tiveron que requirir a documentación técnica necesaria en dúas ocasións.
O acordo obriga ao comezo das obras antes de seis meses e dan un prazo de execución doutros 12 meses.
Estes traballos serán executados pola empresa Construcciones Orega S.L. e, segundo o proxecto achegado teñen por obxecto a mellora da accesibilidade coa demolición das escaleiras mecánicas existentes e a súa substitución por dous ascensores, así a reforma estrutural da zona afectada e a mellora das instalacións. O orzamento de execución material é de 123.251,38 euros.
FÁBRICA DE CERVEXA ARTESANAL
A Comisión de Urbanismo emitiuse tamén unha información urbanística a instancias da sociedade Birreina Galaica S.L. interesada en coñecer a viabilidade dunha pequena fábrica de cervexa artesanal nunha casa situada no núcleo rural de Abelleira (Verducido). A instalación pretendida iniciaría a súa actividade cunha produción de 300 litros semanais. Os informes técnicos avalan esta actividade, por ser autorizable neste tipo de solo.
Relacionadas:
-
As obras de mellora da estación de autobuses estarán rematadas no primeiro trimestre de 2015
Por Redacción |
-
Moreira emenda os orzamentos da Xunta para incluír a Pontevedra no Plan de Transporte Metropolitano
Por Redacción |
-
A Xunta licitará no mes de abril as obras de mellora da estación de autobuses de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Unha auditoría encargada en 2011 detectou oito deficiencias graves na Estación de Autobuses
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Esixen á Xunta que actúe "con urxencia" ante o estado da Estación de Autobuses
Por Redacción |