Pontevedra, referente na preparación individualizada de medicamentos
Por Oskar Viéitez
Expertos de toda España participaron este venres no Parador "Casa do Barón" de Pontevedra nas Xornadas sobre Farmacotecnia e Elaboración de Medicamentos.
Segundo explicou a secretaria da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria, Montserrat Pérez Encinas, o obxectivo primordial destas primeiras xornadas é constituír un foro de debate e de consenso sobre a preparación individualizada de medicamentos, onde se poña de manifesto o valor engadido da práctica farmacéutica habitual na calidade e seguridade da terapéutica que precisan os pacientes.
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra é un dos centros de referencia a nivel nacional na elaboración de medicamentos personalizados, especialmente para pacientes pediátricos.
Carlos Crespo Diz, xefe de servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario, e coordinador desta xornada indicou que "trabajar con medicamentos confiere un beneficio para la salud del paciente pero eso tiene un impacto económico", aspecto este que tamén se abordou nestas xornadas.
No último ano elaboráronse no servizo de farmacia do Complexo Hospitalario de Pontevedra 38.317 preparacións individualizadas para un total de 5.061 pacientes. Máis de nove mil medicamentos realizáronse para pacientes ingresados, adultos e pediátricos.
Nas preparacións elaboradas para adultos, o 70% foron para o tratamento da dor en pacientes postcirúrxicos e obstétricos, mentres que na área pediátrica se elaboraron preto de seis mil nutricións parenterais personalizadas, das cales o 20% foron para nenos acabados de nacer.
O servizo de farmacia realizou tamén 22.000 preparacións para pacientes que reciben tratamento en hospitais de día, a maioría delas para enfermos oncolóxicos, aínda que tamén se elaboraron preparacións de medicamentos biolóxicos para pacientes con enfermidades inflamatorias dermatolóxicas, intestinais e reumatológicas.
Por último, elaboráronse preto de sete mil fórmulas maxistrais para o tratamento de medio centenar de pacientes externos, o 30% deles da área pediátrica, sendo a maioría nenos menores de 3 anos con enfermidades conxénitas e enfermidades raras.