Os emprendedores achéganse a Pontevedra a través da Conferencia Ibérica de Emprendemento
Por Redacción
As persoas con interese en desenvolver un proxecto empresarial emprendedor teñen unha cita entre o 23 e o 26 de outubro en Pontevedra con motivo da celebración da cuarta edición da Conferencia Ibérica de Emprendemento, organizada pola Universidade de Vigo e Associaçao Portuguesa para o Empreendedorismo.
Neste evento está previsto que se reúnan catrocentos emprendedores, empresarios e investigadores, segundo anunciaron esta mañá a deputada Ana Isabel Vázquez, o director Pedro Figueroa e o vicereitor da Universidade de Vigo, Juan Manuel Corbacho, acompañados pola concelleira de Promoción Económica do Concello pontevedrés, Carlota Román.
Esta iniciativa ten como obxectivo dinamizar o sistema de emprendemento entre España e Portugal por medio da cooperación entre a administración, a empresa e a universidade.
Juan Manuel Corbacho destacou o encaixe desta iniciativa no Campus Crea da cidade, que xa se ve reflectido no lema da conferencia "Crea para emprender, emprende para crear".
O director do evento, Pedro Figueroa, subliñou que Pontevedra lle vai dar unha nova orientación a esta conferencia anual que, nas anteriores edicións, se celebrou en Cascais, Madrid e Lisboa. Celebrarase unha xornada científica para expoñer estudos e avances que, dende o ámbito académico, se realizaron en relación coemprendemento.
As xornadas desenvolveranse no Centro Social Afundación, cunha inauguración, o día 23 de outubro, a través de dúas mesas redondas sobre Ecosistema Emprendedor e Investidores & Invertidos, a presentación de 6 iniciativas emprendedoras de éxito e unha conferencia de clausura a cargo de Álex Barrera, que analizará o que se fai en Europa para iniciar proxectos. O 24 haberá unha xornada científica, na que se presentarán trinta artigos científicos, coa intervención do director executivo do GEM (observatorio internacional da actividade emprendedora), Ricardo Hernández, e unha mesa redonda sobre o emprendemento baseado na I+D Universitaria.
Máis de 60 relatores nacionais e internacionais ofrecerán, durante os catro días que dura o Congreso, a súa visión sobre experiencias de investidores, directores de aceleradores de negocio ou incubadoras de empresas.
A asistencia é gratuita, tras inscribirse na páxina: www.ciem2014.com