Pontevedra pon rumbo á especialización e convértese no Campus CREA
Por Redacción
Campus CREA, é a nova a marca baixo a que se aglutinan as capacidades do campus de Pontevedra e coa que se dá resposta á necesaria especialización que debe caracterizar aos campus das universidades galegas tal e como se recolle no artigo 7 da Lei de Universidades.
Foi o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, quen na sesión ordinaria celebrada este martes informou aos integrantes do Consello de Goberno da denominación e peculiaridades do Campus CREA co que se procura "dotar ao campus de Pontevedra dunha especialización que lle permita ir máis alá das súas singularidades e solidez de titulacións".
Unha denominación que conecta coas áreas de coñecemento que distinguen ao campus pontevedrés como saúde, deporte, sociedade ou arte e a partir das que se procura a especialización dun campus que segundo o reitor Salustiano Mato "ten a vantaxe da singularidade e a solidez das súas titulacións pero precisa dunha especialización que xere unha cooperación intelixente, amparada nun segundo plano por toda a Universidade".