Os policías pontevedreses reclaman ao Goberno "medidas urxentes" de protección ante un posible caso de ébola
Por Oskar Viéitez
A Confederación Española de Policía na provincia de Pontevedra, instou o Subdelegado do Goberno, Antonio Coello, a que se tomen medidas urxentes tanto na formación dos axentes de Policía como na dotación de medios de protección especiais, ante a posible aparición dun foco de contaxio co virus ébola nunha actuación profesional.
No seu escrito detallan que tanto nos servizos de atención ao cidadán, coma no aeroporto, "non existe indicación ningunha por parte do Ministerio do Interior en Pontevedra, sobre medidas a adoptar ante unha posible situación de risco infecto-contaxiosa relacionada co virus ébola", feito que xera unha "inseguridade latente" entre os membros do colectivo policial.
A medida que transcorren os días, "a sensación de inseguridade laboral vai en aumento"
De igual forma, trasladóuselle ao Subdelegado a "desinformación existente" en relación con esta cuestión en todas as áreas da Policía nesta provincia, e a medida que transcorren os días, "a sensación de inseguridade laboral vai en aumento", da "inexistencia" de instrucións oficiais sobre a prevención, ante un hipotético risco de contaxio, e de como proceder ante unha situación de crise na colaboración cos servizos sanitarios de emerxencias 061, xa que os contactos profesionais con estes, son permanentes durante a xornada laboral de calquera patrulla de atención ao cidadán, por ser os primeiros en chegar ao lugar, dado que as actuacións de carácter humanitario e asistencial ocupan un lugar prioritario no traballo diario da Policía.