A depuradora dos Praceres suma 2.649 días sen accidentes
Por Redacción
A instalación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres suma 2.649 días -sete anos- sen rexistrar accidentes.
A empresa ViAQUA atribúe este bo dato o resultado da implantación do Proxecto de Prevención Intelixente. Un compromiso da empresa coa saúde laboral cuxo obxectivo é estar á vangarda da seguridade nas súas instalacións, obras e operacións, perseguindo a tolerancia cero na exposición a riscos.
No marco deste proxecto e durante os meses de verán a empresa concesionaria do servizo municipal de augas de Pontevedra, levou a cabo diferentes actuacións na EDAR dos Praceres consistentes na colocación de rodapés nas baixadas das escaleiras e as varandas do complexo, instalouse un peirao para facilitar a descarga e baleirado dos camións cisterna, e substituíronse os portais do edificio de pre-tratamento.
Tamén, e dentro do programa de Seguridade Vial estableceuse un plan de circulación interno mediante a sinalización de zonas de tránsito para vehículos e peóns en toda a EDAR. Nos próximos meses seguirase traballando na adecuación dos equipos de deshidratación e pre-tratamento, e na revisión e substitución das paradas de emerxencia para cumprir coa seguridade das instalacións.