Os traballadores de Moldes, preocupados ante a operación de compra por parte de Froiz
Por Anxo Lourido
A negociación entre dúas das firmas de alimentación máis importantes da cidade, Froiz e Moldes, para a compra dos supermercados da segunda entidade está a provocar un alto grao de incerteza e preocupación entre os preto de 400 traballadores de Supermercados Moldes.
Representantes do comité de empresa de Comisións Obreiras (CC.OO.) denuncian que a xerencia de Moldes evita darlles información sobre a operación e, ante este silencio, temen a perda dos seus postos de traballo. Marcos Cerviño e Lara Gestido ofreceron unha rolda de prensa con José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., que anunciou que presentaron unha denuncia na Inspección de Traballo ao entender que se incumpre o Estatuto dos Traballadores onde se establece que as empresas que negocian unha compra destas características deben de ter en conta os informes dos comités de empresa.
Os traballadores indican que os taxadores están a acudir aos establecementos para avaliar cada centro de traballo e que unha empresa de transportes que subministra ás tendas de Moldes e realiza o servizo de atención a domicilio non viu renovado o seu contrato. Ademais, apuntan que nos supermercados Froiz nos que hai demanda de persoal se lles indicou que en breve "van vir traballadores de Moldes".
Marcos Cerviño sinalou que, segundo se comenta entre o equipo, a causa da venda xustifícase en cuestións persoais e familiares dos irmáns Fernando e Francisco Moldes, xa que a empresa presenta contas con beneficios anuais.
O pasado ano, Froiz comprou dous supermercados Moldes nas localidades de Cangas e de Marín. Os preto de 20 traballadores empregados nestes establecementos pasaron a formar parte da empresa de Magín Froiz. Non obstante, os representantes de CC.OO. no comité de empresa, con representación de UGT e maioría de delegados de FETICO, temen que nas cidades onde existen dous establecementos próximos das dúas firmas poidan pecharse supermercados e se produzan despedimentos. Segundo sinalaron, agárdase que a compra se efectúe no mes de outubro.
Relacionadas:
-
Traballadores de Moldes: "Queremos dicir a Froiz que o que se vendeu foi Moldes, nós non nos vendemos"
Por Natalia Puga |
-
Dúas grandes cadeas de supermercados pugnaron con Froiz para mercar Moldes
Por Anxo Lourido |
-
Grupo Froiz alcanza un acordo para comprar Supermercados Moldes
Por Redacción |
-
A familia Moldes intenta transmitir tranquilidade aos empregados ante a desconfianza sindical
Por Anxo Lourido |
-
Froiz ultima un acordo para adquirir Supermercados Moldes, segundo fontes do sector
Por Redacción |