As obras de reurbanización da rúa Bernardo Sagasta (Cuntis) estarán rematadas en novembro
Por Redacción
Unha vía cómoda, segura e mellor integrada desde o punto de vista ambiental no núcleo histórico de Cuntis, potenciando así o desenvolvemento turístico da vila. Así quedará, segundo o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, a rúa Bernardo Sagasta tralas súas obras de reurbanización. Estes traballos estarán concluídos o próximo mes de novembro.
Trátase da mellora dun treito da estrada PO-220 (Pino - Cuntis) ao seu paso por este concello pontevedrés, adxudicada por un importe de máis de 350.000 euros. Na actualidade presentaba unha serie de carencias que inflúen na seguridade viaria do peón e dos vehículos que transitan por ela.
O treito a reparar abarca un total de 310 metros de lonxitude e presentaba un ancho da calzada que non permitía o aparcamento e o cruzamento dos vehículos en condicións seguras. Ademais, as beirarrúas atopábanse en mal estado de conservación e presentaban longos inferiores aos recomendados na normativa de accesibilidade.
Para solucionar estes problemas, modificouse o reparto da sección transversal da rúa, habilitando beirarrúas con longos axeitados, banda de aparcamento e un carril coa anchura recomendable, para o que será necesario habilitar na calzada un único sentido de circulación, o de entrada cara o núcleo histórico. Ademais, estase a renovar o firme da calzada.
Coma actuacións complementarias, recolocaranse os actuais báculos de iluminación que sexa necesario, e acometeranse algunhas melloras no sistema recollida de augas da rúa. Finalmente procederase a humanización da estrada coa colocación de zonas axardinadas e mobiliario urbano, cun tratamento acorde ás características do casco histórico.
Relacionadas:
-
Cuntis estrea o novo aspecto da rúa Bernardo Sagasta, na que se investiron preto uns 400.000 euros
Por Redacción |
-
Comezan as obras de remodelación da rúa Bernardo Sagasta de Cuntis
Por Redacción |
-
Comeza o proceso de ocupación de terreos para a reurbanización da rúa Bernardo Sagasta (Cuntis)
Por Redacción |