Cuntis estrea o novo aspecto da rúa Bernardo Sagasta, na que se investiron preto uns 400.000 euros
Por Redacción
A rehabilitación integral da rúa Bernardo Sagasta xa está rematada. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, comprobou este venres o remate destes traballos, que contaron cun investimento de case 400.000 euros.
Esta reforma, sinalou, suporá un beneficio para os veciños desta vila ao lograr que esta vía sexa máis segura e transitable tanto para peóns como para vehículos.
As obras consistiron na modificación do reparto da sección transversal, habilitando beirarrúas con anchos axeitados, zona de aparcadoiro e un carril coa anchura recomendable; e na reordenación da circulación do tráfico mediante a supresión dun sentido de circulación -mantense como sentido único o de saída-.
A responsable de Infraestruturas da Xunta de Galicia remarcou que como esta rúa Bernardo Sagasta atópase no núcleo histórico de Cuntis, o seu acondicionamento redundará directamente no benestar dos seus preto de 5.000 habitantes, pero tamén no desenvolvemento económico e turístico deste municipio, que conta con importantes recursos termais.
Vázquez destacou que "con esta actuación o Goberno galego atende unha demanda histórica dos veciños de Cuntis e pon de manifesto o compromiso de poñer ao servizo dos galegos infraestruturas máis cómodas, seguras e mellor integradas desde o punto de vista ambiental: infraestruturas e equipamentos que inciden de xeito directo na dinamización da economía e do turismo nas nosas vilas".
A conselleira de Infraestruturas tamén salientou outra actuación de gran importancia nesta zona como é a mellora da rede de saneamento, unha obra na que a Xunta inviste 1,4 millóns de euros e que está incluída no Plan Umia, un programa que recolle actuacións de saneamento e depuración dos núcleos situados na ribeira do Umia por valor de 22,45 millóns de euros.