Propoñen que a empresa Eulen se faga cargo da limpeza de edificios municipais de Marín
Por Redacción
A empresa Eulen farase cargo do servizo de limpeza das instalacións municipais do Concello de Marín. Presentou a oferta máis vantaxosa, segundo informa o goberno municipal. Así se ditaminou na sesión extraordinaria da Comisión Informativa de Medio e Benestar Social, celebrada este martes. A proposta terá que ser ratificada agora polo pleno da corporación.
Este contrato, cuxo prezo de licitación ascendía aos 487.850 euros IVE incluído, terá unha duración de catro anos e poderá ser prorrogado dúas veces por espazo dun ano. Eulen estará obrigada a facerse cargo dos traballadores que actualmente desenvolven o servizo de limpeza, nas mesmas condicións laborais que posúen na actualidade.
Dentro deste contrato están incluídos todos os edificios e instalacións dependentes do Concello de Marín, así como colexios ou a praza de abastos.
A anterior adxudicataria deste contrato era unha firma vinculada ao grupo Vendex, investigada na trama da operación Pokemon. A empresa anunciou en agosto de 2012 que renunciaba a seguir prestando este servizo, o que deu inicio a un novo procedemento de contratación. Foi unha tramitación complexa, xa que a xuíza Pilar de Lara solicitou información relativa a este contrato. Finalmente, o Pleno aprobou en febreiro deste ano este expediente de contratación.