Eulen queda finalmente co contrato de limpeza municipal de Marín
Por Redacción
Tras un longo proceso de adxudicación, a empresa Eulen será a nova concesionaria do servizo de limpeza municipal no Concello de Marín. O Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, dependente do Ministerio de Facenda, desestimou o recurso presentado pola actual concesionaria PAU S.L. contra a decisión da mesa de contratación e, posteriormente, do Pleno da corporación municipal de outorgar o contrato a Eulen.
PAU S.L., que quedou en oitava praza tras a avaliación económica e técnica das empresas ofertantes, discrepaba sobre diversos aspectos formais das devanditas ofertas, pero a resolución deste tribunal administrativo ve "falta de lexitimación", asegurando que a empresa pretendía anular todas as ofertas no seu conxunto, cando varias delas son totalmente válidas. Ademais, levanta a suspensión da adxudicación.
Este contrato, cuxo prezo se fixou en 382.448 euros anuais, terá unha duración de catro anos e poderá ser prorrogado dúas veces por espazo dun ano. Eulen estará obrigada a facerse cargo dos traballadores que actualmente desenvolven o servizo de limpeza, nas mesmas condicións laborais que posúen na actualidade.
Dentro deste contrato están incluídos todos os edificios e instalacións dependentes do Concello de Marín, así como colexios, locais sociais, instalacións deportivas ou a praza de abastos.
A intención do goberno municipal é que o novo contrato con Eulen se asine o próximo xoves 15 de xaneiro, de forma que a empresa poida empezar a traballar xa ao día seguinte.