Suspenden un ano un xuíz pontevedrés por atrasos inxustificados nos seus procedementos
Por Natalia Puga
O titular do Xulgado de Primera Instancia número 3 de Pontevedra, Indalecio Conde González, foi suspendido de actividade durante un ano por supostamente cometer unha falta moi grave da Lei Orgánica do Poder Xudicial ao atrasarse de forma inxustificada na tramitación de procedementos xudiciais.
A falta que se lle atribúe é a que castiga a "desatención ou o atraso inxustificado e reiterado na iniciación, tramitación ou resolución de procesos e causas ou no exercicio de calquera das competencias xudiciais".
Fontes do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) confirmaron a PontevedraViva que a Comisión Disciplinaria do órgano de goberno dos xuíces aprobou impoñer esta sanción na súa reunión deste luns. Foi a proposta da Fiscalía e do promotor da acción disciplinaria e en resposta á denuncia presentada por varios particulares contra a praxe deste xuíz.
Indalecio Conde González xa tiña dous expedientes previos como autor da mesma falta moi grave do artigo 417.9 da Lei Orgánica do Poder Xudicial (LOPJ). Unha carrexoulle unha multa de 1.000 euros e outra unha sanción dun mes de suspensión. Esta última determinouna o CGPJ en novembro de 2012 e confirmouna o Tribunal Supremo en xullo de 2013.