O Tribunal Supremo ratifica a suspensión a un xuíz de Pontevedra por atrasos inxustificados nos seus procedementos
Por Oskar Viéitez
A sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo emitiiu unha sentenza na que desestima o recurso contencioso-administrativo interposto polo xuíz Indalecio Conde González contra o acordo do pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial do 29 de xaneiro de 2015 que confirmou a sanción dun ano de suspensión das súas funcións como titular do xulgado de primeira instancia número 3 de Pontevedra polo atraso reiterado no ditado de sentenzas e autos.
A sentenza considera que o acordo impugnado é conforme a dereito.
O Consello Xeral do Poder Xudicial impuxera unha sanción ao xuíz Indalecio Conde González pola comisión dunha falta moi grave tipificada no artigo 417.9 da Lei do Poder Xudicial.
Este precepto castiga a "desatención ou o atraso inxustificado e reiterado na iniciación, tramitación ou resolución de procesos e causas ou no exercicio de calquera das competencias xudiciais".
Foi a denuncia de varios particulares, afectados por estes atrasos, a que deu inicio ao expediente sancionador contra o maxistrado pontevedrés.
Indalecio Conde González presentou un recurso ao entender que o acordo do CGPJ era contrario a dereito e que, a pesar de estar xa xubilado, debíase anular para restablecer a súa honra e imaxe, "gravemente danados" pola imposición dunha sanción que se consideraba "ilegal e inxusta"
A proposta do fiscal e do promotor da acción disciplinaria foi dun ano de suspensión tras a denuncia que interpuxeron varios particulares contra o maxistrado polos seus atrasos. Xa tiña dous expedientes anteriores por esta razón, un concluíu cunha multa de 1.000 euros e outro cunha sanción dun mes de suspensión que foi confirmada polo Tribunal Supremo en xullo de 2013.
Estes expedientes, segundo o recorrente, "ocasionábanlle un efecto contrario ao pretendido porque, lonxe de estimulalo para que demostrase unha maior dilixencia no cumprimento dos seus deberes, provocáronlle un estado de angustia e ansiedade que desembocou nunha auténtica situación de bloqueo intelectual".