O xulgado pide información á Xunta sobre as medidas necesarias para reabrir o matadoiro
Por Natalia Puga
O Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra enviou un escrito á Consellería de Sanidade requiríndolle que informe sobre as medidas que ten que aplicar a empresa concesionaria do matadoiro municipal, Carnifex, para poder reabrir as instalacións despois do peche preventivo decretado pola Administración autonómica o 30 de abril tras detectar numerosas irregularidades.
A empresa Carnifex entrou en concurso de acredores en xullo, de modo que agora todo está en mans do administrador concursal, José Taboada Calvar. En nome da empresa e del mesmo como administrador, solicitou ao Xulgado do Mercantil que pida esa información á Xunta.
En concreto, segundo puido saber PontevedraViva, queren saber que medidas deben aplicar para cumprir os requisitos esixidos por Sanidade para poder retomar a actividade. Ata o momento, non recibiron resposta, pero fontes da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra explicaron que será inmediata.
Ao respecto, dende a Xunta indican que o escrito remitido polo Xulgado está datado a finais de xullo, pero ten selo de entrada na Delegación Territorial da Cosellería de Sanidade o pasado 3 de setembro. Este martes día 9, catro días hábiles despois, a resposta xa está preparada e prevese que sairá de forma inmediata con destino ao órgano xudicial. Cabe recordar que o mes de agosto non é hábil a nivel xudicial.
Fontes da administración concursal indicaron que o concurso de acredores de Carnifex está na súa fase procesual inicial, pendente de comunicación de créditos e a elaboración do informe do administrador. Na súa parte empresarial, a firma segue sen actividade pendente da resposta da Xunta para poder adoptar medidas, reparar o que sexa necesario e volver abrir as instalacións de Alba. E a nivel laboral, os seus traballadores están nun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) temporal.
Relacionadas:
-
O Concello acometerá o derrube da antiga canceira e o arranxo do valado do matadoiro municipal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O matadoiro inicia as obras para corrixir as deficiencias que levaron ao peche preventivo
Por Natalia Puga |
-
A empresa concesionaria do matadoiro entra en concurso de acredores
Por Oskar Viéitez |
-
O PP intentará actuar de mediador para desbloquear o peche do matadoiro
Por Oskar Viéitez |
-
A concesionaria do matadoiro presentará un ERE de suspensión para os 22 traballadores
Por Natalia Puga |
-
Afectados polo peche do matadoiro denuncian "daños irreparables" e defenden a calidade da carne precintada
Por Natalia Puga |