Unha intérprete de lingua de signos, a disposición da comunidade xorda de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Un total de 1.119 persoas xordas viven no concello de Pontevedra. Son datos da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Todas elas poderán beneficiarse do novo servizo que puxo en marcha o Concello de Pontevedra. Terán á súa disposición, de forma totalmente gratuíta, unha intérprete de lingua de signos para que os acompañe a realizar calquera tipo de xestión cando o necesiten.
Poderán facer uso deste servizo de luns a venres de 10 a 14 horas, se ben tamén se poderá solicitar de forma puntual en horario de tarde, segundo explicou María del Carmen González Lloves, vicepresidente da federación. Ata agora, sinalou, os usuarios pontevedreses tiñan que solicitar un intérprete que viña de Vigo ou Santiago (249 veces no último ano), polo que afirmou que "este é un primeiro paso que os xordos de Pontevedra adquiran máis independencia"
Explicou que para unha persoa con discapacidade auditiva "non é igual ir acompañado dun familiar que cun intérprete, xa que con el te sentes máis independente", sinalou. Esta intérprete, que terá unha oficina na Casa Azul, atenderá aos cidadáns de Pontevedra, pero tamén poderá ser solicitado por persoas xordas doutros municipios que veñan a facer algunha xestión á cidade de Pontevedra. O que non fará é desprazarse a outros concellos.
Esta intérprete non só acompañará ao usuario en xestións que teñan que ver coa administración local, senón que poderá ser usado, por exemplo, para acompañar á persoa xorda ao médico, falar cos titores dos seus fillos no colexio, para todo tipo de consultas xurídicas ou mesmo para acudir a entrevistas de traballo ou resolver asuntos familiares. Para solicitalo pódese facer a través da Federación de Xordos de Pontevedra ou na propia Casa Azul.
O custo deste servizo asumirao o Concello de Pontevedra mediante un convenio que se asinou coa Federación de Xordos de Pontevedra. Está valorado nuns 13.700 euros anuais. Estará en vigor ata o 31 de decembro, aínda que a vontade de ambas as dúas partes é prorrogalo un ano máis a partir desa data.
Segundo explicou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, trátase dun servizo co que se pretende implicar tamén as persoas oíntes, establecendo unha canle de comunicación "axeitado e correcto" coas persoas con discapacidade auditiva. Lógrase así, dixo, fomentar a autonomía persoal deste colectivo, aumentar o seu grao de independencia e tamén axudar a visibilizar o entre a cidadanía.
"Temos que ser conscientes de que estamos convivindo nunha sociedade diversa e que capacitados e discapacitados teñen que ter un tratamento múltiple", destacou Carmen Fouces, que concluíu asegurando que é un "primeiro paso" dentro do obxectivo final que deben de ter este tipo de iniciativas, que as persoas xordas poidan chegar a valerse por si mesmos ante calquera situación sen necesidade de estar acompañado dun intérprete.
Relacionadas:
-
Unha subvención municipal permite ofrecer un servizo de intérprete e de acompañamento ás persoas con discapacidade auditiva
Por Oskar Viéitez |
-
A Federación de Xordos pide ao Concello que siga subvencionando un intérprete de Lingua de Signos
Por Redacción |
-
RedeAxuda amplíase, abre a porta a colectivos do ámbito da discapacidade e a dependencia
Por Redacción |