A Federación de Xordos pide ao Concello que siga subvencionando un intérprete de Lingua de Signos
Por Redacción
A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) solicita ao Concello de Pontevedra que siga subvencionando a contratación dun intérprete de Lingua de Signos Española.
O pasado ano esta Federación e a Concellaría de Servizos Sociais chegara a un acordo para contratar un intérprete de lingua de signos, dende setembro e ata decembro de 2014, co fin de cubrir as demandas das persoas xordas da cidade.
Durante este período o intérprete recibiu 157 solicitudes de servizo e realizou 137 delas, na súa xornada de 20 horas semanais.
Segundo informa esta federación, había un "compromiso verbal" do Concello de manter o servizo durante o ano 2015, unha circunstancia que segundo a FAXPG non se produciu. Por este motivo mostran nun comunicado o seu "desánimo polas reiteradas ocasións nas que se intentou contactar coa Concellaría e a falta de resposta desta".
Polo tanto, a FAXPG, no seu "afán de velar polos intereses do colectivo de persoas xordas e eliminar todas as barreiras de comunicación que lle impiden unha verdadeira participación social", mostra o seu "descontento pola falta de resposta da Concellaría de Servizos Sociais, xa que o seu compromiso verbal de prorrogar o servizo para o ano 2015 non se está a cumprir".