Máis de 500 persoas déixanse seducir pola 'maxia' das visitas teatralizadas polo centro histórico
Por Redacción
Máis de 500 persoas de todas as idades participaron nas nove visitas teatralizadas que se realizaron durante o pasado mes de xullo. Segundo Migallas Teatro, a compañía que se encarga desta iniciativa, destacan que se trata dun éxito rotundo do programa no que colaboran o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e a asociación de comerciantes Zona Monumental.
Unha das dez visitas previstas foi aprazada por mor da chuvia. Esta realizarase finalmente o xoves 28 de agosto co mesmo horario: a partir das 22.00 horas, detrás da Casa Consistorial.
Nestas visitas pola Pontevedra medieval e renacentista, os visitantes foron conducidos por varios personaxes a modo de guías pola Zona Monumental. Ao tempo que lles transmitían contidos sobre a historia da vila dun xeito ameno e humorístico, alternaban cancións, xogos e bailes nos que participaron grandes e pequenos.
Durante o Paseo Máxico por Pontevedra evocáronse feitos e personaxes históricos coñecidos como o Fiel Contraste, Alonso de Fonseca, Pedro Madruga... mais tamén personaxes do imaxinario popular como almas en pena, bruxas, gárgolas e quimeras. Todo envolto cunha capa de humor que convertía estes seres doutro mundo en personaxes moi familiares cuns conflitos moi humanos.
Cumpríronse, aseguran desde Migallas, os obxectivos que se perseguían como fomentar o turismo cultural en Pontevedra, contribuír á revitalización da Zona Monumental, difundir a cultura galega, rememorar personaxes, momentos históricos e escenas da vida cotiá da Boa Vila que aínda poden ser descoñecidos mesmo para os seus habitantes actuais e converter as rúas, prazas e edificios do Centro Histórico na escenografía dun teatro popular e participativo