Volven os "paseos máxicos" polo Centro Histórico
Por Oskar Viéitez
Volven as divertidas viaxes de Migallas Teatro pola historia real e imaxinaria da Pontevedra medieval e renacentista. Nesta ocasión a compañía pontevedresa conta cos patrocinios do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Turismo de Pontevedra e, por primeira vez, a Deputación.
Co título xenérico de "Paseo máxico por Pontevedra" convócase unha nova edición, a quinta, das visitas teatralizadas polo centro histórico para todos os públicos que se desenvolverán durante as noites deste verán, como complemento ás visitas guiadas que se realizan durante o día.
Segundo explicou Carlos Yus, representante de Migallas, nestas visitas teatralizadas combínase a información cultural coas representacións teatrais.
Os visitantes son conducidos por varios personaxes a xeito de guías pola parte antiga da cidade e, ao tempo que se lles transmiten contidos sobre a súa historia dun xeito ameno e humorístico, ilustran as súas palabras coa evocación doutros personaxes vinculados ás prazas e rúas polas que pasan.
As visitas realizaranse en castelán, pois están dirixidas principalmente a persoas de fóra de Galicia, e en horario nocturno, dende as 22:00 horas ata as 23:30 aproximadamente, para aproveitar os efectos artísticos da iluminación do Centro Histórico e darlle un aire de encanto e misterio ao percorrido.
A deputada Ana Isabel Vázquez Reboredo, acompañada da responsable de Cultura do Concello de Pontevedra, Carlota Román, do presidente de Zona Monumental, Miguel Lago, e de Carlos Yus, como representante da agrupación teatral, presentaron ma sede da Deputación en rolda de prensa esta iniciativa.
As visitas, cun máximo de 100 participantes cada unha, terán lugar os días 5, 11, 12, 25, 26, 29, 30 e 31 de xullo e o 1 de agosto, con saída desde detrás do Concello.
Previamente, terá lugar o día 4 a visita inaugural desta tempada estival 2014, na que participarán representantes de Expocidades. Neste caso, a actividade dará comezo ás 20,00 horas.
As entradas terán un custe de 5 euros por persoa e poderán adquirirse no propio punto de saída. Tamén se poderán reservar previamente na web www.migallas.com, ata 4 horas antes da saída.