Rías Baixas traslada ao Goberno a súa preocupación de que o viño sexa incluído na nova lei sobre o alcohol
Por Redacción
A lei sobre o alcohol que prepara o Ministerio de Sanidade espertou as alarmas no sector vitivinícola. No primeiro borrador, equipárase o viño e a cervexa ás bebidas de elevado graduación, impedindo o seu consumo na vía pública ou limitando as súas posibilidades publicitarias, entre outras cousas. Unha medida que segundo o sector afectaría notablemente as súas perspectivas de negocio e as súas posibilidades de crecemento.
Así o trasladaron o presidente do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, e o secretario xeral da entidade, Ramón Huidobro, na reunión que mantiveron con Carlos Cabanas e Fernando Burgaz, altos cargos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, para expoñerlles a situación e as preocupacións máis inmediatas do sector.
Ambos os dous aseguraron que o Consello Regulador comparte a preocupación de que os menores poidan acceder a bebidas de alta graduación alcohólica, pero advirte de que en vez dunha liña de prohibición hai que apostar por unha liña de educación. Rías Baixas considera que a lei tería que protexer aos menores, pero non atacar os consumidores adultos, sinalaron Juan Gil de Araujo e Ramón Huidobro.
Así mesmo, Rías Baixas foi crítico coa liberalización das marcas e etiquetas do viño. Cren que esa medida implicará perder unha parte do vínculo entre un produto de calidade e un territorio, un elemento diferenciador de extrema importancia en calquera denominación de orixe e máis nunha coas singularidades, tamaño e prestixio de Rías Baixas. Dende o Ministerio recordaron que se trata dunha norma europea, que están obrigados a aplicar.
Neste sentido, o Goberno central avanzou o seu compromiso de colaborar na prevención e detección de posibles fraudes de etiquetas nos mercados internacionais, para o que se contará co apoio das embaixadas e das oficinas de comercio exterior.
Rías Baixas tamén expresou a súa queixa porque os Consellos Reguladores queden á marxe da nova Interprofesional do Viño. Consideran que, como axentes de máxima relevancia no sector, deberían como mínimo ter a posibilidade de coñecer o que sucede no novo organismo. Neste sentido, o Ministerio contempla darlles cabida aos Consellos Reguladores nun consello consultivo da Interprofesional, na que así terían voz pero non voto.
Nun encontro cualificado polos pontevedreses como "cordial e distendido", ademais dos datos de produción e a evolución da denominación nos últimos anos, os representantes de Rías Baixas expuxeron as actividades de promoción dos mercados nacional e internacional desenvolvidas recentemente. Ademais invitaron os representantes do Ministerio a visitar as Rías Baixas para que poidan coñecer as súas características de produción.