Rías Baixas presume de ser "el Rafa Nadal de los vinos de España"
Por Oskar Viéitez
O Plan Director da Denominación de Orixe Rías Baixas conclúe que a aposta pola calidade e os procesos de internacionalización permitiron que as adegas e viticultores que a integran afrontasen a crise con menos dificultades que a media do sector e se enfronten ao futuro con esperanza.
O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, o presidente do Consello Regulador da D. O. Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, e o director da Escola de Negocios da Fundación Novacaixagalicia, Eduardo García Erquiaga, presentaron este mércores os resultados deste traballo de investigación no que se destaca a importancia do sector como xerador de emprego e potenciador da marca desta rexión vitivinícola para a promoción turística de toda a provincia.
O sector xera na zona un total de 7.637 empregos directos estables e 5.200 de carácter eventual na épocas de maior actividade. Así, a Denominación de Orixe Rías Baixas achega máis do 7% dos empregos directos dos concellos nos que se asenta, porcentaxe que se eleva ata o 12% nas épocas de vendima.
"Un flotel supone 500 empleos, aquí estamos hablando de 14 floteles para toda la vida"
"Un flotel supone 500 empleos, aquí estamos hablando de 14 floteles para toda la vida", destacou García Erquiaga. "Es un sector estratégico que crea empleo en el medio rural, algo que tiene un valor doble o triple", xa que "estamos hablando de la sostenibilidad del territorio", dixo.
O Plan Director baséase en 117 enquisas a adegas e 400 a viticultores, ademais de entrevistas en profundidade con membros do sector, pero tamén nun plan de escoita en 486 restaurantes e vinotecas de toda España e as principais cadeas de distribución para obter, así, información específica sobre o mercado do viño para a Denominación de Orixe Rías Baixas.
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, que acaba de cumprir 25 anos de historia, multiplicou neste período case por vinte as hectáreas de viña controladas, ata superar as 4.000, integrou máis de 6.700 viticultores, herdeiros dos 492 pioneiros que fundaron esta denominación, das 14 adegas iniciais chegou a sumar 200 que durante a crise descenderon a 177 e conseguiu cualificar 20 millóns de litros de viño, case dez veces máis que os 2 millóns cualificados nas primeiras campañas.
"Somos el Rafa Nadal de los vinos de España", presumiu o director da Escola de Negocios, "Rías Baixas no ha necesitado 40 años como el Atlético de Madrid para jugar la final de la Champions nosotros ya disputamos esos partidos".
Ademais o Plan Director destaca que a Denominación de Orixe Rías Baixas axudou tamén a fomentar a imaxe de marca desta zona e a promoción turística da provincia en xeral, especialmente a través de iniciativas como a Ruta do Viño Rías Baixas ou as actividades de enoturismo desenvolvidas por algunhas adegas.
DECÁLOGO PARA O FUTURO
O Plan Director tamén contén un decálogo sobre as estratexias que debe seguir a Denominación de Orixe Rías Baixas para mellorar a súa importancia socioeconómica e a súa posición competitiva. Así, o estudo recomenda manter e mellorar a calidade dos viños, continuar traballando para lograr un equilibrio entre o subsector da viticultura e o subsector das adegas ou fuxir do modelo productivista e manter así este elemento diferenciador respecto a outras denominacións de orixe.
Outras propostas son traballar para a sostibilidade ambiental da viticultura e da enoloxía, e converter a I+D+i nun elemento clave para o desenvolvemento do sector ademais de posibilitar a eficiencia da superficie de viñedo plantada en Galicia pero poñendo límite ao crecemento.
As estratexias contidas no Plan Director engaden a necesidade de traballar para o mantemento do emprego e o crecemento nos mercados e, sobre todo, na notoriedade da marca e tamén a cooperación para o desenvolvemento de estruturas comerciais e marcas conxuntas para poder crecer no mercado nacional e avanzar no internacional.
Finalmente recórdase o interese por potenciar a innovación, fonte dos éxitos das décadas precedentes e por afondar na profesionalización do sector fomentando a competencia, o compromiso e a formación.