Pedirán no Parlamento que ENCE marche "si ou si" da Ría de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
"ENCE ten que marchar fóra da Ría xa, si ou si". Así de contundente foi a deputada do BNG, Montserrat Prado. Ela será, dentro da formación nacionalista, a encargada de defender os intereses de Pontevedra e a súa comarca no Parlamento galego. E a primeira iniciativa, que presentará mañá, será reclamar a saída inminente da pasteira do seu actual emprazamento en Lourizán.
Esta iniciativa do BNG débese, segundo Montserrat Prado, a que tras tres sentenzas contrarias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao plan de supramunicipalidade aprobado no seu día polo goberno de Manuel Fraga, "a Xunta debe anular esta decisión". Instou ademais a que non se presente recurso a esta última sentenza xudicial e se revise a autorización ambiental integrada, concedida en virtude dese plan.
A deputada nacionalista esixirá tamén nesta moción que, coa tramitación da nova lei de Costas que prepara o Goberno central, "non se estableza ningunha coartada para que a empresa quede na Ría de Pontevedra".
Durante esta lexislatura que agora comeza, o BNG estableceu outras prioridades para a comarca de Pontevedra. Entre elas, Prado destacou seguir defendendo a ampliación de Montecelo, en contraposición ao novo hospital de Monte Carrasco, a petición dunha plataforma loxística vencellada ao Porto de Marín ou unha batería de propostas de defensa de "sectores estratéxicos" como o comercio ou a pesca.
A peaxe da A-9 e a súa anunciada subida do 3% a partir de xaneiro, tamén será obxecto de iniciativas desde as filas nacionalistas. Denuncian que no último ano subiu máis dun 20%, "algo escandaloso, especialmente nestas épocas de grandes dificultades". Por iso é polo que pidan á ministra de Fomento, Ana Pastor, que poña freo a estes abusos "porque sempre di que si, pero non fai nada por evitalo".