A Xunta cualifica como "favorable" o acordo de pesca con Marrocos mentres que para CIG-Mar é "bastante ruinoso"
Por Oskar Viéitez
A consellería de Medio Rural e de Mar, Rosa Quintana, referiuse á "boa noticia" do acordo de pesca asinado polo rei Mohamed VI de Marrocos coa Unión Europea, completando así un trámite pendente dende o pasado mes de febreiro, co que os barcos europeos, na súa maior parte españois, poderán facerse nos próximos días ao mar.
"O acordo é dende o noso punto de vista favorable", dixo Rosa Quintana que recordou que xa o valorara positivamente "no momento no que se deu luz verde á celebración dese acordo pesqueiro con Marrocos, o que estabamos é expectantes da firma definitiva por parte do Rei".
A conselleira sinalou que será un total de 16 buques galegos nestes momentos os que poderán optar a faenar nesas augas e engadiu "esperemos que ao longo da vixencia do convenio poidamos mesmo o incrementar".
Pola contra o responsable de CIG-Mar, Xabier Aboi, advertiu que este acordo pesqueiro será "bastante ruinoso" para a frota galega xa que "non permite que os barcos galegos poidan pescar as especies máis rendibles", como marisco ou polbo, que habería que devolver ao mar se son capturados; senón que tan só se poderían obter as que se encontran a máis de 200 metros de profundidade e das que "hai menos cantidade", como pescada ou peixe sapo.
Aboi rebaixou a cinco os barcos arrastreiros galegos poderían beneficiarse do devandito acordo e acusou a UE de ser "unha ruína" para o sector a nivel autonómico.