O TSXG obriga a máis da metade dos funcionarios que cobraron a 'paga extra' a devolver os cartos
Por Alejandro Espiño
Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anula a paga de produtividade que recibiron os traballadores do Concello de Pontevedra en novembro de 2012. En consecuencia, obriga a 307 dos funcionarios e persoal laboral que viron compensada a retirada da paga extra de Nadal, ordenado polo Goberno, coa realización de horas extra, a reintegrar ás arcas municipais os 400.000 euros cobrados en total.
Así o recoñeceu o goberno municipal, a través do concelleiro César Mosquera, que afirmou que o Concello acatará a sentenza, aínda que avisa que "non é de doada aplicación". E é que o fallo xudicial, en principio, obriga estes traballadores a devolver ese diñeiro, pero o plantel ten dereito a cobrar as 16 horas extra que realizou cada un deles e que foron certificadas polos servizos municipais.
En concreto, a Sala do Contencioso Administrativo do TSXG entende que con ese aboamento se produciu unha "desviación de poder" ao utilizar o complemento de produtividade para compensar parcialmente a perda da paga extra, unha medida que cualifica de "artificiosa e sospeitosa" e que "conculca o principio de igualdade dos cidadán " neste caso dos funcionarios, ante a lei.
O maxistrado basea as súas conclusións entre outras cousas, no "desproporcionado" aumento de traballadores que recibiron o devandito complemento (441 en 2012 fronte aos 15 de 2011), unha circunstancia pola que, asegura, o Concello de Pontevedra non achegou unha "explicación razoable". Ademais, asegura que é "sorprendente" que todos eles cobrasen cantidades similares, independentemente das súas funcións ou categorías; e cita as declaracións públicas do alcalde nas que recoñecía a intención última desta medida.
Mosquera afirmou que esta sentenza está na liña de "usar o aparato represivo do Estado contra todo o que discrepe ou se mova fronte ás medidas de recortes que se están adoptando". Neste sentido, recordou que o Estado só levou a Pontevedra ante os tribunais "cando houbo bastantes máis concellos" que aprobaron solucións similares para compensar a perda desta paga extra por parte dos funcionarios municipais.
Esta sentenza é firme, pero os servizos xurídicos municipais analizarán se existe posibilidade algunha de presentar un recurso de casación ante o Supremo ou outro tipo de procedementos similares. "Buscarase a maneira de recurrila", afirmou Mosquera, porque insistiu en que "non había razón xurídica" para cambiar a sentenza de primeira instancia, aínda que recoñeceu que "estábamos seguros de que ía ser así".
Juárez asegura que "lamentamos profundamente" que os funcionarios se vexan prexudicados por culpa da "irresponsabilidade" do goberno municipal
Os afectados serían, explicou Mosquera, todos os traballadores do equipo municipal, a excepción de Policía Local, Bombeiros e os organismos autónomos, xa que recordou, no seu día, "Jacobo Moreira só levou á Subdelegación unha parte do expediente", que foi o que se recorreu por parte da Avogacía do Estado.
Precisamente para analizar as consecuencias prácticas desta sentenza, o concelleiro de Personal, Vicente García Legísima, convocou os sindicatos da Xunta de Persoal a unha reunión extraordinaria que se celebrará o próximo luns.
O GOBERNO CULPA A "IRRESPONSABILIDADE" DO CONCELLO
Por parte do Estado, o primeiro en valorar esta sentenza foi o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez. Asegurou que "lamentamos profundamente" que os funcionarios do Concello de Pontevedra se vexan prexudicados por culpa da "irresponsabilidade" do goberno municipal ao non cumprir unha normativa básica "e abonar ilegalmente unha paga para conseguir un rédito político diante dos funcionarios e da cidadanía".
Preguntado polos xornalistas nun acto en Santiago de Compostela, Juárez afirmou que a sentenza era "previsible" e entende que xera unhas "consecuencias negativas" para os traballadores municipais "que se van ver obrigados devolver esas cantidades". O delegado do Goberno recoñeceu que "obviamente" cabe recurso de casación ante o Supremo, pero advertiu que a sentenza "ten que ser executada de forma inmediata".
Relacionadas:
-
Presentan un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional polo conflito da 'paga extra'
Por Alejandro Espiño |
-
O Goberno estuda ampliar a demanda da paga de produtividade a Policía Local e Bombeiros
Por Alejandro Espiño |
-
Xavier Vence visita Pontevedra para mostrar o apoio "incondicional" do BNG no asunto da 'paga extra'
Por Alejandro Espiño |
-
Filgueira Valverde e a sentenza das pagas extra crean brechas entre o BNG e o PSOE
Por Anxo Lourido |
-
Moreira asegura ser "alleo" o conflito da paga extra e insta a Lores a pagar do seu peto "a desfeita que montou"
Por Redacción |
-
O PSOE critica a "incontinencia verbal" do alcalde en relación coa sentenza das "pagas extra"
Por Redacción |
-
Os sindicatos ven inxusta a sentenza das pagas extra e agardan non ter que devolver o diñeiro
Por Redacción |
-
O Estado recorre a sentenza que avalou a paga de productividade do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello gaña a sentenza das 'pagas extra' e Moreira asegura sentirse "satisfecho"
Por Redacción |