Que o fin de curso non supoña pasar fame
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra está a buscar a fórmula para seguir atendendo aos nenos de familias sen recursos cando dentro dun par de días pechen os comedores escolares ata setembro.
Estímase que este peche estival supoñerá que mil nenos en toda Galicia pasarán fame en verán. Unha cifra moi conservadora se atendemos aos datos facilitados por Amigos de Galicia, que atendeu o ano pasado a máis de 15.000 nenos de familias con problemas económicos.
O goberno central destinou 17 millóns de euros para loitar contra a pobreza infantil en verán, pero cada comunidade usarao de forma distinta.
Esta semana a polémica chegou ao Parlamento de Galicia. Finalmente consensuouse que a Xunta poñerá en marcha convenios cos concellos interesados en colaborar cos servizos públicos de benestar "podendo usarse para iso as instalacións dos centros educativos".
"Faltaría máis", responde a concelleira de Benestar Social de Pontevedra, Carme Fouces. "A Consellería de Educación non ten que poñer a disposición de ninguén os comedores escolares porque son instalacións municipais".
En Pontevedra hai uns 70 pequenos afectados
En declaracións á xornalista Marisa Ciordia, de Cope Pontevedra, a concelleira aclara que "o problema non son ás dependencias, senon pagar o menú, niso estamos a traballar agora".
Unha das solucións que se poñerán en marcha na cidade do Lérez son as ludotecas, onde se servirá a comida principal do día e se ampliarán as bolsas de comedor que algúns nenos teñen durante o curso.
En Pontevedra hai uns 70 pequenos afectados.
"A necesidade está detectada do ano pasado cando apareceu algún neno no comedor social", comenta Carme Fouces. Nestes casos "dende o Concello articulamos unha medida para levarlles a comida ás casas dos menores que se atopaban con esas dificultades", para evitar a súa presenza no Comedor de San Francisco.
En canto ao verán, a concelleira explica que levan meses traballando nun programa "que necesitamos darlle forma porque unha das patas é o convenio das Fanpas e necesitamos ter unha reunión entre a Federación e ás concellerías de Educación e Benestar para artellar algun sistema de traballo para dar cobertura ao maior numero de nenos posible".
Pero ao marxe dos nenos que asistan ás ludotecas "para o resto que queden fora, terán que ser os servizos sociais os que habiliten unha partida determinada e leven a comida aos domicilios dos nenos que teñamos computados con esa necesidade".
Relacionadas:
-
Viaqua colabora coa Fundación Amigos de Galicia para axudar a 100 familias pontevedresas necesitadas
Por Redacción |
-
A Deputación abre unha liña de axudas para cubrir necesidades básicas
Por Oskar Viéitez |
-
Renovado o convenio entre Concello e a Fanpa para financiar, entre outros, os comedores escolares
Por Alejandro Espiño |
-
Os concellos contarán cunha liña de axudas da Deputación para garantir a atención aos menores
Por Oskar Viéitez |
-
Benestar activa un protocolo para achegar alimentos a 182 menores no verán
Por Redacción |
-
Vilagarcía porá en marcha en verán un servizo de menús a domicilio para nenos con carencias alimenticias
Por Redacción |
-
"A solución non pasa por abrir comedores escolares senón por atender aos nenos nas súas familias"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |