Renovado o convenio entre Concello e a Fanpa para financiar, entre outros, os comedores escolares
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra "bordeará o que haxa que bordear para que os nenos e nenas teñan acceso a unha calidade educativa xusta". Así o asegurou este martes o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a sinatura do convenio de colaboración que permitirá que a Federación de Asociacións de Nais e de Pais de Alumnos de Pontevedra manteña operativos, entre outras cousas, os comedores escolares e as súas actividades complementarias.
Segundo o texto asinado co presidente da Fanpa, Rogelio Carballo, o goberno municipal destinará 206.000 euros a este convenio, que estende os seus efectos ao 1 de xaneiro pasado e terá unha duración de dous anos, prorrogables ata seis. En todo caso, debido aos cambios legais que limitan as competencias dos concellos nesta materia, a Xunta deberá emitir dous informes preceptivos e vinculantes para poder seguir aplicando este acordo.
De aí o manifestado tanto polo alcalde como polo concelleiro de Educación, Agustín Fernández. Ambos recordaron que o ensino, igual que a sanidade ou os servizos sociais, é "fundamental e universal" e debe ter un financiamento acorde coa súa importancia. "Se lexisla quitando competencias aos concellos e logo as autonomías non chegan a cumprir as necesidades e demandas dos cidadáns e os servizos corren o risco de non prestarse", denunciou Fernández Lores.
Esta liña de colaboración coa Fanpa, sinalaron o alcalde e o concelleiro de Educación, "demostra a aposta municipal polo ensino público"
Esta liña de colaboración coa Fanpa, sinalaron, "demostra a aposta municipal polo ensino público". Neste sentido, o seu presidente, Rogelio Carballo, expresou o agradecemento ao Concello e puxo en valor o voluntariado como fórmula "máis sinceira" para a defensa e impulso do ensino público.
Con cargo a este convenio, ademais dos comedores escolares e o plan de almorzos, a Fanpa seguirá prestando numerosas actividades complementarias ás exclusivamente educativas, entre as que Carballo destacou o programa de atención aos nenos con déficit de atención ou hiperactividade ou os plans de axuda a todos aqueles alumnos con dificultades especiais.
SÿMASE AO CONVENIO DAS LUDOTECAS
Este convenio coa Fanpa súmase ao asinado hai uns días co Concello de Pontevedra para a xestión das ludotecas municipais, valorado en 55.000 euros. As ludotecas de verán acollerán este ano a preto de 1.500 rapaces de todo o municipio e ofrecerán un amplo horario co obxectivo de conciliar a vida laboral coa familiar. O Concello subvenciona en torno á metade do custo da praza. Inclúese tamén servizo adicional de comedor para quen o precise.
Relacionadas:
-
Pontevedra pide permiso á Xunta para seguir subvencionando as Anpas
Por Natalia Puga |
-
O Nadal, época de limpeza en profundidade de todos os comedores escolares do municipio
Por Redacción |
-
As ludotecas de Nadal desdóbranse en función das idades e o idioma: galego ou inglés
Por Redacción |
-
A Concellería de Educación concede axudas ás ANPA para a realización de actividades
Por Redacción |
-
Que o fin de curso non supoña pasar fame
Por Oskar Viéitez |
-
Case 1.600 rapaces pontevedreses participarán este ano nas ludotecas municipais de verán
Por Redacción |