Viaqua colabora coa Fundación Amigos de Galicia para axudar a 100 familias pontevedresas necesitadas
Por Redacción
100 familias pontevedresas con graves problemas económicos e menores ao seu cargo serán as beneficiarias da doazón de 12.000 euros que a empresa Viaqua realizou á Fundación Amigos de Galicia e que se traducirá en alimentos para os membros de cada unha destas unidades familiares.
Viaqua pretende fortalecer as accións de axuda en favor das persoas e familias máis necesitadas, en concreto na alimentación de menores nos municipios nos que a empresa xestiona os servizos vinculados ao ciclo integral da auga. Trátase fundamentalmente das cidades de Pontevedra, Ourense e Santiago de Compostela. En total, 430 familias con menores beneficiaranse deste acordo durante este verán.
O director xeral da Fundación Amigos de Galicia, Jesús Busto Peteiro, e o director de Viaqua Gestión Integral de Aguas de Galicia, Julio Masid Bande, foron os encargados de asinar o contrato de doazón na sede da institución en Vilagarcía de Arousa.
Julio Masid destacou a satisfacción de poder colaborar coa Fundación Amigos de Galicia na realización das súas actividades asistenciais, e dun modo especial "naquelas que canalizan a axuda e solidariedade aos máis necesitados e desfavorecidos".