Pontevedra, presente no Spain Convention Bureau
Por Redacción
O Concello de Pontevedra participa este venres, en Granada, na asemblea anual do Spain Convention Bureau, a organización dependente da Federación Española de Municipios e Provincias encargada da promoción de turismo de feiras, congresos e negocios.
Na xuntanza estiveron presentes alcaldes e concelleiros de preto de 50 cidades españolas, entre eles o propio alcalde de Granada, anfitrión do evento. A asemblea incluíu tamén un Encontro sobre Turismo de Reunións na que se debateu sobre o presente e futuro deste sector.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román, participou nunha das mesas de debate e explicou a estratexia de Pontevedra para captar eventos de tamaño medio. Deu conta ademais do avance da cidade dende a creación da Oficina de Congresos, o que ten permitido consolidar unha programación feiral e congresual estable, con máis dunha ducia de eventos anuais. Falou tamén da recente reunión en Pontevedra do Foro das Asociacións da Industria Española de Reunións e Eventos, é dicir, o "lobby" que engloba a todas as asociacións relacionadas co turismo de negocios.
A concelleira destacou que o Spain Convention Bureau é un órgano da máxima relevancia, encargado tamén das relacións internacionais, polo que permite que touroperadores de todo o mundo coñezan destinos en España onde poden organizar eventos de negocios. Ao tempo, a presenza de Pontevedra neste foro permite un importante aforro na participación en foros tan especializados como o EIBTM de Barcelona ou o Foro Mice, que en 2015 vaise celebrar en Oviedo.