Especialistas en feiras e congresos coñecerán Pontevedra para organizar vindeiros eventos
Por Redacción
Máis de dez directivos de asociacións e empresas dedicadas á organización de feiras, congresos e eventos de negocios en España estarán en Pontevedra durante o xoves 8 e o venres 9 para participar no Foro de Asociacións da Industria Española de Reunións e Eventos.
O presidente da Asociación Galega de Feiras (AGAFE), Alejandro Rubín, e a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, presentaron esta cita que se desenvolverá na Casa das Campás que contará coa asistencia de toda a directiva da Asociación de Feiras de España (AFE).
Os participantes no foro percorrerán a cidade a través dunha visita guiada durante a tarde do xoves e o venres arrancará a programación coa presentación do último informe da Organización Mundial do Turismo. Os actos finalizan cunha mesa redonda sobre as perspectivas da industria española de reunións e eventos. Entre outros temas tratarase a opción de Pontevedra como destino para a organización destas citas.
Carlota Román destacou que Pontevedra acollerá este ano seis feiras e 12 congresos cun calendario aínda non pechado porque, segundo expuxo a concelleira, aínda hai congresos médicos e de enerxía que están a negociarse.