O reitor da Universidade de Vigo busca fórmulas para financiar o futuro Edificio das Artes
Por Redacción
O futuro edificio da Facultade de Belas Artes, previsto para os terreos situados a beira do Lérez, acometerase por módulos cando se poidan concretar as fontes de financiamento, segundo apuntou o reitor da Universidade de Vigo Salustiano Mato despois de manter unha reunión no concello de Pontevedra co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, na que tamén estivo presente o vicerreitor do campus pontevedrés Juan Manuel Corbacho.
Para poder desenvolver este proxecto do Edificio das Artes, Concello e a Universidade terían que asinar un convenio para o que é necesario establecer uns prazos de execución:"o Concello esixe unhas datas de inicio e de remate que nestes momentos a Universidade, razoablemente, non pode darnos, porque a situación económica non é a de hai uns anos", segundo expuxo o alcalde de Pontevedra.
Mato, pola súa banda, explicou que a Universidade "non pode comprometerse a uns prazos sen un orzamento definido". E por ese motivo, ante a falta de financiamento para poder investir nun grande edificio, o proxecto acometeríase de forma modular a través de distintas etapas atendendo ás necesidades máis urxentes.
As fontes de financiamento para o Edificio das Artes, segundo apuntaba o reitor, intentaríanse obter do plan europeo Horizonte 2020 ou de concursos internacionais.
OUTROS PROXECTOS
A reunión serviu tamén para sentar as bases dun acordo sobre a antiga residencia da ONCE, que se destinaría a laboratorios de investigadores, sobre todo do campo de Fisioterapia, de Ciencias da Actividade Física e do Deportes.
A intención dende a Universidade é que a través do proxecto Campus Crea, que busca a especialización do campus local, se poida chegar a unha maridaxe entre as capacidades do espazo universitario e as necesidades de Pontevedra nun plan estratéxico que permita a integración dos estudantes no ámbito empresarial e institucional. Lores e Mato apostan por impulsar un "centro de innovación" vinculado ao tecido produtivo da bisbarra.
Ademais, o alcalde anunciou que se asinará proximamente un convenio coa institución académica para achegar 30.000 euros aos traballos que realizan os investigadores do Agrupamento Aeroespacial da Universidade.
Salustiano Mato e Fernández Lores avanzaron tamén o obxectivo de que o campus de Pontevedra se converta no primeiro Green Campus de Galicia, unha bandeira verde, que outorga a Foundation for Enviromental Education polas características medio ambientais dos espazos universitarios.
Relacionadas:
-
O Edificio das Artes, de novo na axenda da Universidade de Vigo
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra será a sede dun viveiro de empresas temático, vinculado ás especialidades do campus
Por Alejandro Espiño |
-
A canteira científica pontevedresa converte a cidade nun gran laboratorio
Por Redacción |
-
A humanización do campus ou o novo edificio de Belas Artes, entre as demandas ao reitor trala súa reelección
Por Redacción |