O acusado de matar o irmán da súa noiva no Grove recoñece que o acoitelou, pero foi "para defenderse"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Alberto Sequenza Vila rompeu este martes o seu silencio en relación co crime polo que leva en prisión provisional dende abril de 2012 no Grove, no que a vítima foi o irmán da súa noiva, David B.M.. Ata agora non dera a súa versión do que aconteceu aquel 28 de abril no garaxe da casa dos seus avós, pero este martes comezou o xuízo con xurado que se segue contra el na Audiencia Provincial de Pontevedra e, en contra do previsto, si falou.
Por estes feitos, a Fiscalía e a acusación particular piden que sexa condenado a 15 anos de prisión e o pagamento dunha indemnización de 102.000 euros máis gastos, mentres a defensa solicita a súa libre absolución e insiste en que a forma na que actuou foi en lexítima defensa. De momento, o rapaz, que no mes de febreiro intentou fuxir dos xulgados da Parda cando a Garda Civil o trasladaba para unha vista, segue en prisión provisional.
O mozo, que cumprira os 18 anos tan só un mes e medio antes do crime, recoñeceu que aquel día mantivo unha pelexa co irmán da súa moza da que foron testemuñas tres amigos seus e outros tres amigos da vítima. No transcurso desta, cravoulle unha navalla ao seu opoñente, pero durante a súa declaración insistiu en que a súa intención nunca foi matalo nin sequera darlle a navallada, senón que nun momento do enfrontamento o falecido intentou coller a arma e el, por medo, colleuna antes e acabou cravándolla.
A Fiscalía e a acusación particular piden 15 anos de prisión por homicidio con abuso de superioridade e a defensa a absolución
A vítima, de 20 anos, morreu pouco despois da pelexa. Unha navalla perforoulle o esterno e danoulle o corazón. A Fiscalía e a acusación particular manteñen que Alberto Sequenza é autor dun homicidio con abuso de superioridade porque usou a navalla e "de forma sorpresiva" lla cravou, pero o acusado e a súa avogada defensora pretenden desmontar esta acusación.
O mozo insiste en que "en ese momento yo ni me enteré" do alcance dos seus actos nin foi consciente do lugar no que lle cravou a navalla, senón que a pelexa era inicialmente corpo a corpo e el só colleu a navalla que estaba no chan cando pensou que o falecido a ía suxeitar e "porque tenía miedo" e "pensé que si me apuñalaba, me moría allí mismo". "ÿl me podía haber matado", asegura e insiste en que o seu medo foi maior porque ten unha enfermidade de nacemento pola que ten dificultades de coagulación e "podía morir desangrado" en caso de que lle tivese cravado a el a navalla.
O procesado recoñeceu nunha foto a navalla que supostamente se utilizou no crime e que a Garda Civil localizou ao fondo do garaxe. Non puido recoñecela fisicamente porque ao inicio do xuízo a arma non aparecía nas caixas coas probas do procedemento, pero ao longo da sesión deste martes si apareceu. El asumiu que era súa e explicou que aquel día estaba enriba do asento da súa moto e, no transcurso da discusión entre ambos os dous, caeu ao chan e foi cando o seu opoñente intentou collela.
Alberto Sequenza declarou que o hemano da súa noiva entrou no garaxe e inmediatamente deulle unha puñada, de modo que caeu ao chan coa moto mentres o outro seguía dándolle puñazos na cara. Logo colleu a arma, cravoulla e el mesmo quitouna e botouna ao fondo do garaxe, onde apareceu. Ao respecto, a defensa sostén que o único ADN localizado na navalla foi o da vítima, de modo que foi o propio falecido quen, antes de morrer, a quitou.
Tres amigos do procesado e tres amigos do falecido presenciaron a pelexa, pero ningún viu como lle cravou a navalla
Tras iso, o falecido derrubouse e as persoas que presenciaron a pelexa (ou parte dela), atendérono. Tamén se achegaron varios veciños e familiares e el asegura que "intentó ayudar" ás persoas que lle deron unha primeira asistencia. As testemuñas viron que a vítima tiña unha ferida, pero descoñecían a súa orixe e pasaron varios minutos buscando polo garaxe o obxecto co que podía térllela feito. O procesado sabía que sangraba porque o picara, pero non llo contou porque "tenía miedo".
As partes implicadas no procedemento coinciden en que o acusado e a vítima se citara aquel día no garaxe dos avós de Alberto Sequenza por unha discusión previa relacionada coa irmá do falecido e entón noiva do procesado. Ao respecto, el sinalou durante o xuízo que a mesma mañá dos feitos a súa noiva lle chamara para contarlle que "el hermano le había vuelto a pegar" e ela pediulle que o defendese. Asegura que "ella era la que quería que le pegara", de modo que se intercambiaron varios whatsapp e unha chamada na que acabaron citándose para falar e discutir a mala relación existente entre os irmáns. O acusado quedou "por defenderla a ella".
O xuízo contra Alberto Sequenza continuará durante o resto da semana na Sección Segunda da Audiencia. Este martes declararon o procesado e os seis mozos que estaban no garaxe ou no exterior deste durante a pelexa. Todos viron o enfrontamento ou parte del, pero cada un relata o sucedido de forma diferente e non coinciden nin sobre a identidade da persoa que separou ambos os dous opoñentes. Todos coincidiron en que non viron o momento no que o procesado lle cravou a navalla ao falecido.
Relacionadas:
-
Desestiman o recurso presentado polo mozo do Grove que matou o irmán da súa moza
Por Oskar Viéitez |
-
O TSXG revisará a sentenza contra o mozo do Grove acusado de matar o irmán da súa moza
Por Redacción |
-
Condenado a trece anos e medio de cadea por matar o irmán da súa noiva no Grove
Por Natalia Puga |
-
O acusado de matar o irmán da súa noiva, culpable de homicidio por unanimidade do xurado
Por Natalia Puga |
-
"Te odio. No me hables en tu vida. Mataste a mi hermano"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |