"Te odio. No me hables en tu vida. Mataste a mi hermano"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O acusado de ter matado o irmán da súa noiva no Grove en abril de 2012 recibiu no seu teléfono móbil unha mensaxe contundente tan só uns minutos despois da morte da vítima, antes mesmo de ser detido. Dicía, segundo saíu a relucir este mércores durante o xuízo con xurado que se celebra contra el na Audiencia Provincial de Pontevedra: "Eres un hijo de puta. Te odio. No me hables en tu vida. Mataste a mi hermano". Enviábao a que durante o ano anterior fora a súa noiva e que dende entón renega totalmente del e nega que o día do crime lle pedira que reprendese o seu irmán porque supostamente tiñan unha mala relación fraternal.
A moza declarou este mércores durante a segunda sesión do xuízo na Sección Segunda da Audiencia e recoñeceu que o día do crime lle transmitiu ao seu noivo, Alberto Sequenza, que tiña serios problemas co seu irmán David. O procesado, que ata o inicio do xuízo non declarara sobre estes feitos, sinalou que o dia en cuestión a súa noiva lle pediu "que le pegara" e el citouse co agora falecido para pedirlle que cesase na súa mala relación coa muller.
A análise da actividade do teléfono móbil do acusado realizado pola Garda Civil desvelou que aquela mañá a muller lle enviou unha mensaxe na que o contaba: "me volvió a amenazar". A moza recoñeceu telo enviado, pero non recorda o significado do resto de mensaxes que lle enviou ese día e cos que o procesado interpretou que ela necesitaba que intercedese por ela ante o seu irmán.
A avogada defensora apreciou "múltiples contradicciones" na declaración da rapaza, que durante a súa comparecencia ante o tribunal de xurado sinalou que tiña pelexas co seu irmán "de vez en cuando", pero que se levaban "bien", pero, ao mesmo tempo, recoñeceu que lle trnasmitiu ao seu mozo que non, que tiñan unha mala relación. A rapaza tardou en recoñecer a arma do crime, pero finalmente concluíu que a navalla que as probas de ADN sitúan como a arma branca coa que foi picado o falecido era propiedade do acusado e mesmo que o día dos feitos, minutos antes da pelexa, o viu usala para "cortar chocolate".
Os axentes da Garda Civil que participaron na investigación dende distintos ámbitos explicaron que o procesado en ningún momento colaborou con eles para esclarecer o sucedido nin para axudalos a localizar a arma utilizada. De feito, chegou a negar a existencia da navalla, que foi localizada ao día seguiente ao fondo do garaxe no que se produciu a pelexa. O acusado declarou no xuízo que tras cravarlla ao falecido, quitouna e lanzouna polo aire, pero os axentes conclúen que o lugar no que apareceu non é compatible con esa versión, senón que había un saco enriba que impedía que tivese chegado directamente tras ser lanzada.
A sesión completouse coa declaración dos forenses que realizaron a autopsia ao falecido e fixeron un exame do procesado. Sobre a morte, sinalan que a hipótese máis probable é que o procesado lle cravase a navalla ao seu opoñente durante a pelexa, cando ambos os dous estaban de pé, de forma sorpresiva e sen que tivese ningunha oportunidade de defenderse. Acreditaron, así mesmo, que Alberto Sequenza estaba en plenas facultades no momento do crime e non tiña alternadas a súa capacidade volitiva, intelectual e cognitiva.
Tras dous días de sesións, declaracións e probas, a fiscal do caso e a acusación particular que exerce a familia do falecido decidiron elevar a definitivas as súas conclusións iniciais ao considerar acreditado que Alberto Sequenza foi autor dun delito de homicidio con abuso de superioridade polo que lle piden 15 anos de prisión.
O xurado foi citado para este xoves ás 11.30 horas para empezar a deliberar
Pola súa banda, a defensa si modificou as conclusións que fixera antes de que o seu defendido declarase e recoñecese que cravou unha navalla á vítima, pero que nunca tivo intención de facelo, senón que actuou "por miedo" e para defenderse do seu opoñente. Tras o xuízo, a súa avogada pediu ao tribunal que o declare responsable do homicidio, pero tendo en conta a circunstancia eximente completa de lexítima defensa. En caso de que os membros do xurado consideren que non existe esa eximente, pide que, alternativamente, se teña en conta como atenuante.
Os membros do xurado foron citados este xoves, ás 11.30 horas, para empezar a deliberar. Antes as partes xa lles realizaron os seus informes co que consideran acreditado que pasou tras a celebración do xuízo e a fiscal e o avogado da acusación insistiron en que Alberto Sequenza "lo hizo sabiendo lo que hacía y queriendo hacerlo hasta las últimas consecuencias".
Mentres, a avogada defensora incidiu en que en España existe o principio de presunción de inocencia e neste xuízo non se achegaron probas que o desvirtúen e demostren que o procesado non actuou en lexítima defensa. Pediu ao tribunal que "por favor, los reproches morales no influyan" á hora de emitir o seu veredicto, pois as acusacións insistiron en cuestións persoais previas do seu cliente como que ten tres expedientes de reforma na Fiscalía de Menores de antes de cumprir os 18, tivo unha orde de afastamento da súa avoa e ten pendentes unha investigación por roubos e un intento de fuga dos xulgados da Parda.
Relacionadas:
-
Desestiman o recurso presentado polo mozo do Grove que matou o irmán da súa moza
Por Oskar Viéitez |
-
O TSXG revisará a sentenza contra o mozo do Grove acusado de matar o irmán da súa moza
Por Redacción |
-
Condenado a trece anos e medio de cadea por matar o irmán da súa noiva no Grove
Por Natalia Puga |
-
O acusado de matar o irmán da súa noiva, culpable de homicidio por unanimidade do xurado
Por Natalia Puga |
-
O acusado de matar o irmán da súa noiva no Grove recoñece que o acoitelou, pero foi "para defenderse"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Prorrogan a prisión por "risco de fuga" ao preso da Lama que intentou fuxirse dos xulgados da Parda
Por Natalia Puga |
-
Un preso da Lama protagoniza un intento de fuga nos xulgados
Por Redacción | Creada e actualizada