Condenan a 30 días de multa ao dono do pub de Sanxenxo denunciado por desobediencia
Por Redacción
O responsable do pub do Porto Deportivo Juan Carlos I denunciado pola Policía Local de Sanxenxo por desobediencia grave á autoridade foi condenado no xulgado e deberá pagar unha multa de 30 días.
Segundo informou o Concello de Sanxenxo, a sentenza condenatoria ditouna o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Cambados trala celebración dun xuízo rápido por unha falta de desobediencia porque fixo caso omiso da orde municipal de suspensión preventiva da súa actividade que lle foi notificada por incumplir a Ordenanza Municipal de Protección do Medio Ambiente e contra a Contaminación Acústica.
O xuíz considerou que a súa actuación foi consitutiva dunha falta de desobediencia prevista e penada no artigo 634 do Código Penal, que recolle que "os que faltaren ao respecto e consideración debida á autoridade ou os seus axentes, ou os desobedeceren levemente, cando exerzan as súas funcións, serán castigados coa pena de multa de dez a sesenta días".
O Concello de Sanxenxo decretou a suspensión preventiva da actividade dese establecemento debido á falta de recepción dos datos emitidos polos aparellos de control do son. Por este motivo, o local debía permanecer pechado ata a presentación na Casa Consistorial da documentación acreditada do correcto funcionamento do sonógrafo-registrador, certificación emitida polo técnico de mantemento do dispositivo.
Malia esta orde e dos requerimientos realizados por axentes da Policía Local, o responsable do pub mantivo aberto o negocio, como así o recoñeceu ante o xuíz.
Paralelamente, o Concello de Sanxenxo tramita tamén o correspondente expediente administrativo derivado do incumprimento da orde.