A Policía Local de Sanxenxo denuncia o responsable dun local nocturno por desobediencia
Por Redacción
O responsable dun dos catro locais que o venres 9 recibiron a notificación da suspensión preventiva da súa actividade debido ao incumprimento da Ordenanza municipal de Protección do Medio Ambiente e contra a Contaminación Acústica foi denunciado pola Policía Local por desobediencia grave á autoridade.
O pub situado no Porto Deportivo Juan Carlos I debía permanecer pechado porque non trasladara os datos emitidos polos aparatos de control de son. Malia os distintos requirimentos realizados polos axentes instándoo a acatar a orde municipal, o responsable do negocio mantivo a actividade do establecemento.
Ante esta situación, os feitos foron postos en coñecemento do Xulgado de Instrución número 1 de Cambados por se fosen constitutivos dun delito de desobediencia grave á autoridade, en cumprimento do artigo 556 do Código Penal. O denunciado está citado este martes 13 a un xuízo rápido.
O Concello de Sanxenxo tamén abriu un expediente administrativo ao propietario do local de lecer nocturno.