Urbanismo tramita o polígono Granxa do Vao confiando que a Xunta admita unha excepción na lei de Costas
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra decidiu continuar coa tramitación do proxecto para construír un parque comercial no polígono da Granxa do Vao, confiando en que a Xunta faga unha excepción na Lei de Costas e de luz verde a un proxecto "que xeraría entre 250 e 300 postos de traballo".
A Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta, que dirixe a pontevedresa Encarnación Rivas, informou negativamente ante as posibles afeccións a terreos de Costas e mostrou as súas dúbidas sobre a edificabilidade ao estar o chan afectado pola Xunqueira de Alba.
"Son uns terreos profundamente alterados, sen ningún valor ambiental ou paisaxístico e que están situados entre a estrada PO-531 e a Autoestrada do Atlántico a AP-9, ademais non gardan ningunha relación coa Xunqueira de Alba", sinalou Louro.
Estes terreos incluídos na servidume de Costas teñen a cualificación de chan rústico de Protección de Costas e non poden polo tanto ser construídos nin serven para o cómputo final de edificabilidade do polígono, pero se que poden albergar zonas verdes, viais ou mesmo aparcadoiros.
"Quero recalcar que estamos en mans da consellería porque dela é a competencia", dixo Louro
"Quero recalcar que estamos en mans da consellería porque dela é a competencia", dixo o tenente de alcalde, Antón Louro, "como conselleiro de urbanismo propuxen a Comisión continuar coa tramitación en base á confianza de que ás dúbidas manifestadas pola Consellería se poidan solucionar durante o procedimento".
Polo tanto a viabilidade deste polígono pasa pola redución da franxa de costas aos 100 metros. Deste modo a servidume non impediría a construción do complexo comercial e a zona que quedaría afectada sería inferior ao 20%.
O Concello de Pontevedra apoia esta iniciativa privada, pola creación de postos de traballo que xeraría xa que os promotores desta iniciativa teñen un acordo asinado cunha compañía que instalará neste ámbito a firmas como Decathlon, Aki, McDonald's, Norauto, Eroski-Vegalsa ou MediaMarkt.
Relacionadas:
-
O polígono comercial do Vao segue pendente da burocracia despois de 18 anos de trámites
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Urbanismo impulsa os trámites para culminar o polígono da Granxa do Vao e regularizar o aparcamento de Véteris
Por Redacción |
-
Decretan o "interese público" do polígono da Granxa do Vao para salvar as trabas da Xunta ao proxecto
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |