O turismo 'tocou chan' en xaneiro e febreiro, coas "peores cifras" da súa historia
Por Redacción
A situación actual do turismo e da hostalaría na provincia de Pontevedra é "bastante complicada". A actividade durante os meses de xaneiro e febreiro deste 2014 foron tan malas que o presidente da Federación Provincial de Hostalaría (Feprohos), César Sánchez-Ballesteros, espera que "hayan sido suelo" e non sigan empeorando, pois foron "las peores cifras que hemos tenido en la historia del sector".
Estes datos negativos teñen como contrapartida que as previsións fan pensar en que chegue un cambio de tendencia. De feito, Sánchez-Ballesteros sostén que "probablemente" en Semana Santa se marcase ese cambio de tendencia e se mellorase números con respecto ao ano anterior. De hostalaría e restauración aínda non ten datos, pero en canto a ocupación hoteleira sitúa esa mellora nun aumento de entre o 7 e o 9 por cento.
Esa melloría que se notou non será determinante porque a crise "ha pegado muy duro" e chegou máis tarde a Galicia que a outras comunidades, de aí que "es posible" que a recuperación sexa un pouco máis lenta que noutros destinos.
César Sánchez-Ballesteros considera que non se pode atribuír en exclusiva estas cifras de principios de ano á crise, senón que tamén coincidiu cunha meteoroloxía moi adversa e salienta problemas de comunicacións en comparación con outros destinos e un déficit en canto á capacidade de abrirse a novos mercados, pois "somos muy dependientes del turismo nacional, casi el 90% del turismo es nacional".
O presidente dos empresarios da hostalaría realizou estas valoración con motivo da presentación dunha xornada formativa sobre Redes Sociais dirixida ao sector hostaleiro (hoteis, restaurantes, locais nocturnos e cafeterías) que se celebrará na Casa da Luz o próximo luns 28 de abril. O curso, que é gratuíto, será de 17.00 a 19.00 horas.
A iniciativa presentárona o presidente da Feprohos; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román; e Víctor Gómez, responsable do curso como consultor e experto en Márketing e Innovación. Para participar basta con inscribirse na páxina de Facebook de Feprohos ou contactar a través do enderezo electrónico feprohos@restauraaccion.com.
Carlota Román lembrou que o seu departamento utiliza dende hai tempo as redes sociais para as campañas de promoción turística e ten organizado eventos como os congresos de Unirede, os cursos de community manager para comerciantes ou os certames de tapas ou showcookings.
César Sánchez-Ballesteros destacou a importancia de actividades coma esta para suplir carencias en materia de comunicación e marketing detectadas entre os hostaleiros e Víctor Gómez insistiu en que o consumidor ten cambiado moito, porque agora dispón de toda a información a través de novas tecnoloxías e Smartphone. Agora, ademais de consumir, gústalle compartir as súas experiencias.