O BNG insta ao Concello de Marín a adaptar a normativa de taxis á lei autonómica
Por Redacción
O BNG solicitará no vindeiro Pleno da Corporación de Marín a adopción de medidas correctoras para solucionar os problemas denunciados pola agrupación de taxistas da localidade e propón un novo regulamento deste medio de transporte público adaptado á nova lei autonómica.
A portavoz dos nacionalistas, Pilar Blanco, sostén que o concelleiro delegado de Tráfico, Francisco José Estévez Salazar, recibiu denuncias de "graves irregularidades" no servizo de taxis dende o ano 2011, pero "fixo oídos xordos". Atribúe esas queixas tanto á Asociación de Autopatronos do Taxi Rías Baixas como a outros taxistas a título individual.
A esta falta de resposta ás denuncias dos taxistas os nacionalistas suman o que consideran unha "deixación" do concelleiro en relación co actual regulamento. Recorda Pilar Blanco que a normativa xa debería estar adaptado á nova lei autonómica de maio de 2013 e que en dous meses remata o prazo dado pola Xunta para esta adaptación sen que en Marín exista nin un borrador.
O BNG redactou un modelo de regulamento adaptado á nova lei co que se pretende que permita actuar con todas as garantías legais para rematar con todas as irregularidades que denuncian os taxistas de Marín. "Xa que a escusa é que non hai un regulamento adaptado e o goberno actual se amosa incapaz de presentar un, o BNG ven de poñerlle un sobre a mesa", sosteñen os nacionalistas, que xa se reuniron cos taxistas para darllo a coñecer e recoller as súas propostas.