Os cruceiros de Santa María de Sacos renovan a súa imaxe
Por Redacción
O Concello de Cotobade acaba de adxudicar os traballos para a restauración dos cruceiros de Santa María de Sacos por un importe total de 7.139 euros á empresa Arcco Pontevedra. Trátase dunha actuación autorizada por Patrimonio.
Os traballos de conservación activa serán levados a cabo por un equipo mustidisciplinar formado por dous conservadores-restauradores arqueólogos, un conservador-restaurador de escultura, un mestre canteiro e un arquitecto.
Todas as accións a realizar teñen como obxectivo principal garantir a preservación material dos cruceiros, seguindo a lexislación aplicable e as recomendacións das cartas do restauro. Ademais, todas as intervencións se cinguirán sempre aos principios básicos de restauración, cumprindo cos criterios de reversibilidade e mínima intervención.
As principais intervencións a realizar serán a limpeza manual-mecánica respectando a pátina orixinal do conxunto escultórico; a recolocación e consolidación das bases, empregándose para iso o propio recheo orixinal e morteiro de cal exento de sales e cemento; e a consolidación en zonas puntuais con descohesión superficial do material pétreo.
Ademais, os especialistas procederán a adherir pezas fragmentadas e unións con espigos de fibra de carbono e realizarán a reintegración volumétrica discernible e a montaxe dos cruceiros e encintado con morteiro de cal pigmentado.
Co fin de determinar correctamente os tratamentos a realizar, realizaranse previamente unha serie de exames e análises científicas, empezando por un exame organoléptico e seguindo con análise en laboratorio para determinación de sales, porosidade e PH entre outros.