Fágase a luz! Chega, por fin, o primeiro anticiclón despois de tres meses de chuvias
Por Redacción
Despois de tres meses de chuvias e alertas de nivel vermello, o anticiclón regresa ás Rías Baixas.
Os técnicos de MeteoGalicia aseguran que a Comunidade volve estar baixo os efectos dun anticiclón que trae consigo ceos despexados e unha notable suba das temperaturas.
Durante polo menos unha semana, as previsións apuntan que o tempo estará blindado polas altas presións, que farán que a atmosfera se estabilice e que as temperaturas suban nas horas centrais do día.
Tamén garanten que esta fin de semana será primaveral. Boa noticia para todos os municipios que desprazaron para estes días a celebración do Entroido.
Os meteorólogos de MeteoGalicia explican que, durante estes días de tempo seco, os termómetros mesmo poderían superar os vinte graos.
Dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) confirman que o anticiclón xa está instalado nos Azores, bloqueando a entrada de novas borrascas.