Alertan de cortes puntuais na subministración de auga en Poio polas obras de Acuaes
Por Redacción
As obras que a empresa pública Acuaes está realizando no Concello de Poio, enmarcadas no proxecto do novo abastecemento de auga para Pontevedra e a súa ría, provocarán cortes puntuais na subministración de auga nalgúns puntos do municipio. Será este xoves 6 de marzo entre as 8.00 horas da mañá e as 21.00 horas da noite.
Viaqua, a empresa que xestiona o Servizo Municipal de Augas, informa que durante esas horas realizaranse as obras necesarias para facer un 'by-pass' provisional do depósito xeral de Albar para a renovación das canalizacións de entrada e saída, a conexión da subministración dende o abastecemento en alta de Pontevedra á rede existente e ao depósito de Albar e a conexión da rede secundaria de abastecemento na zona da Porteliña.
Debido a todas estas actuacións simultáneas, é posible, sinala a empresa concesionaria, que se produzan cortes puntuais na subministración de auga e unha redución de presión nas zonas altas no ámbito de actuación.
Concretamente, estes cortes puntuais produciranse nas zonas de Poio de Arriba, Albar, Porteliña e Camiño Fogatería en Campelo.
A subministración irase normalizando progresivamente.