Amplían cunha segunda consulta externa o servizo de Oncoloxía do Hospital do Salnés
Por Redacción
O Servizo de Oncoloxía Médica da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ampliou a súa oferta asistencial no Hospital do Salnés coa habilitación dun segundo espazo para consultas externas desa especialidade médica.
Preténdese así dar resposta á previsión do incremento de demanda dos pacientes do distrito arousán, pasando das dúas estancias actuais a tres, ademais de dispoñer dunha sala de espera específica para esta área.
Esta semana finalizou a remodelación do novo espazo, de 100 metros cadrados e que está situado na planta -1 do centro hospitalario.
O Hospital de Día Onco-Hematolóxico do Salnés foi inaugurado no ano 2020, xa que antes os pacientes que precisaban tratamentos oncolóxicos ambulatorios debían desprazarse ao Hospital Provincial de Pontevedra para recibir atención.
Esta insfraestructura consolidouse despois ao sumarlle a consulta de Oncoloxía con axenda propia que funcionaba semanalmente no centro sanitario de Rubiáns desde outubro de 2016.