Campaña de vacinación de adultos en residencias de maiores
Por Redacción
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés desenvolve dende este ano 2024 unha campaña de vacinación de persoas adultas institucionalizadas en residencias de maiores do seu ámbito territorial.
Os Equipos de Soporte de Atención Domiciliaria (ESAD) das zonas rurais, así como o persoal de enfermería dos centros de saúde, están a revisar todas as pautas de vacinación deses usuarios, e, máis en concreto, as do pneumococo e o herpes zóster.
A subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria da Área Sanitaria, Silvia Amoedo Casqueiro explicou que o obxectivo desta intervención asistencial é facer fincapé na importancia da inmunización na idade adulta, unha mensaxe coa que se suma á celebración da Semana Mundial da Inmunización na última semana da abril, entre os días 24 e o 30.
Trátase dunha iniciativa promovida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) que pretende salientar a necesidade de actuar de forma colectiva e promover a vacinación para protexer contra as enfermidades ás persoas de todas as idades.
Na cidade de Pontevedra, a campaña de vacinación de adultos institucionalizados arrancou este venres no centro Saraiva Sénior, situado na zona monumental e que conta con 39 usuarios.
Dúas enfermeiras especialistas en Familiar e Comunitaria, Adriana Varela Buceta e Marina González Zar, do centro de saúde Virxe Peregrina, desprazáronse esta mañá ata a rúa Don Gonzalo para protexer coa segunda dose contra o pneumococo a 30 usuarios, e a terceira tamén coa vacina do herpes zóster.
A enfermeira comunitaria Adriana Varela, que tamén é a coordinadora de Virxe Peregrina, salienta que este tipo de intervencións comunitarias son "unha boa forma de captar aos colectivos máis vulnerables, neste caso o das persoas institucionalizadas, tanto para a vacinación como para outros coidados", xa que "non estamos tan centradas nestes pacientes, posto que non veñen ao centro de saúde", engade a súa compañeira Marina González Zar.
Esta revisión da inmunización da Área Sanitaria continuará na capital pontevedresa nas vindeiras datas polas residencias de maiores de Campolongo, Soremay -na zona do Gorgullón-, e DomusVi, na rúa do Doutor Loureiro Crespo.
No Salnés, xa inmunizaron coa vacina contra a enfermidade pneumocócica a 44 usuarios da residencia Servisenior en Vilagarcía da Arousa, e a outras 40 persoas de Nuestra Señora de Valvanera no concello de Cambados.
O obxectivo da Dirección de Enfermaría de Pontevedra e O Salnés é rematar esta vacinación en persoas maiores institucionalizadas antes do verán. Neste sentido, salientar que nas vindeiras datas, uns profesionais da Área Sanitaria acudirá á residencia de Nuestra Señora de la Asunción de Caldas de Reis, onde se porán 68 vacinas fronte ao pneumococo e 7 contra o herpes zóster.
Relacionadas:
-
A Área Sanitaria despide a 12 residentes e incorpora outros 51
Por Redacción |
-
A área sanitaria de Pontevedra estabiliza a 138 profesionais de Enfermaría
Por Oskar Viéitez |
-
A área sanitaria cubre nove prazas en saúde mental e once de especialistas no Hospital do Salnés
Por Redacción |
-
Flores anuncia que convocarán unha praza para cubrir o posto de Pediatría en Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Máis de 600.000 euros de investimento en lámpadas cirúrxicas para o novo Montecelo
Por Redacción |
-
Amplían cunha segunda consulta externa o servizo de Oncoloxía do Hospital do Salnés
Por Redacción |