O Día de Colón celebrarase en Poio os días 10 e 11 de maio
Por Redacción
A décima edición do Día de Colón celebrarase en Poio os días 10 e 11 de maio.
O pasado mes de outubro tivera que cancelarse toda a programación polas malas previsións meteorolóxicas.
Desde o Concello de Poio, en colaboración coas asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas, apostan por organizar a festa medieval no mes de maio, concretamente o venres 10 e o sábado 11. "Unha data que combina maior probabilidade de bo tempo, cos días máis amplos e, ademais, fóra da tempada alta, favorecendo así a desestacionalización do turismo", apuntan dende a organización.
Con esta nova data recupérase a festa que pon en valor a teoría da ascendencia galega do navegante, que levaba sen organizarse desde hai cinco anos.
O obxectivo, explican, é encher as rúas de Combarro de cor, de historia e de animación medieval, repetindo o éxito de edicións anteriores e fomentando a implicación de todos os colectivos.
A programación, como estaba previsto xa en outubro, incluirá artesáns, tiro con arco, obras teatralizadas e música itinerantes, entre outras propostas que se darán a coñecer nas vindeiras semanas.
Asemade, volverán a apostar polas novidades introducidas nese momento, que pasaban por reserva de espazo para que os particulares puidesen comer e cenar nas rúas de Combarro durante a celebración, e cuxas bases e prazos se darán a coñecer proximamente. Ademais, desde a organización tamén manterán reunións de coordinación cos diferentes establecementos, que crearán os seus propios menús medievais.
En outubro de 2023 estaba todo preparado para celebrar a décima edición, despois de cinco anos sen organizarse. As fortes choivas impediron a celebración da festa medieval que, segundo os organizadores, retoman agora en maio coa mesma forza e ilusión.
A festa, nese momento, se presentou en Baiona, concello ao que arribou a carabela La Pinta coa noticia do descubrimento de América. Ata alí se desprazaron o alcalde Ángel Moldes e representantes das asociacións colaboradoras para presentar a programación e promover así futuras colaboracións e irmanamento entre os dous concellos e seguir divulgando a figura do Colón de Poio.
Relacionadas:
-
Ramón Pedras, 'Petete', cumpre a súa promesa co Día de Colón e será o pregoeiro da décima edición
Por Redacción |
-
Os particulares xa se poden inscribir para participar nos xantares e ceas na rúa polo Día de Colón
Por Redacción |
-
A Casa Museo de Colón participará na Rede REMA
Por Redacción |
-
Cancelado o Día de Colón en Poio pola previsión de choivas
Por Redacción |