Condenadas dúas mulleres que puxeron en xaque as plantas das rotondas de Poio
Por Natalia Puga
Os continuos furtos de plantas nas rotondas que durante o ano 2023 sementaron a preocupación na Policía Local de Poio acabaron en condena. O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra acaba de ditar dúas sentenzas condenatorias contra outras dúas mulleres que foron identificadas pola Policía Local por estas actividades.
As dúas mulleres foron condenadas por dous feitos puntuais, un en febreiro e outro en outubro de 2023 e, en ambos os casos, a condena foi de multa e o pago ao Concello de Poio do valor das plantas roubadas.
A primeira sospeitosa foi identificada pola Policía Local hai un ano. Trátase dunha veciña de Sanxenxo de 66 anos á que o xulgado condena porque na madrugada do 2 de febreiro de 2023 colleu unhas plantas da raqueta de canalización de tráfico de San Salvador de Poio, na parroquia de Combarro.
A muller, segundo consta na sentenza, marchouse coas plantas no seu vehículo Citroën. As plantas formaban parte da plantación de inverno realizada polo xardineiro do Concello de Poio e cada unha tiña un valor de 3,25 euros. En total, levou plantas de tempada valoradas en 97,50 euros.
A muller recoñeceu que ela foi a ladroa e o xulgado o condenou como autora delito leve de furto ao pago dunha multa de 180 euros e a indemnizar ao Concello con 13 euros.
A segunda ladroa condenada é unha muller á que se atribúe un roubo en pleno día, sobre as 11.24 horas do 28 de outubro de 2023. Ía no seu vehículo Fiat 500, detívoo na glorieta de Peirao Besada, baixouse e arrincou unha planta.
Sacudiuna un pouco, meteuna no vehículo e arrincouno, abandonando o lugar coa planta. Esta planta pertence ao Concello e o orzamento para a reposición, incluída a man de obra, ascende a 20 euros.
O xulgado considerouna autora dun delito leve de furto polo que lle impón unha multa de 240 euros e a obrigación de indemnizar ao Concello con 20 euros.