Pillan á ladrona das flores das rotondas: unha veciña de Sanxenxo de 66 anos
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio identificou unha muller de 66 anos de idade, veciña de Sanxenxo, por un presunto furto continuado de plantas en varias rotondas de Poio.
Foi grazas á colaboración cidadá. Unha testemuña achegou á Policía Local unha fotografía na cal se observa á presunta autora no momento no que se ausenta tras subtraer as plantas na semi rotonda de Combarro dirixíndose a un vehículo pequeno de cor negra.
Non foi este o único aviso, outro particular comunicou á Policía outro furto de plantas nun edificio de Poio, e quen volvía a actuar tratábase dunha muller cun coche negro.
A Policía local finalmente puido identificar plenamente o vehículo e á suposta muller autora dos furtos iniciando entón as dilixencias para trasladar ao xulgado o presunto delito continuado.
O Concello de Poio presentou denuncia por estes feitos recollendo os lugares dos furtos, o tipo de plantas e o valor do subtraído. Entre outros detalla que o 10 de febreiro na raqueta de canalización do tráfico sita na confluencia de Avenida da Cruz, Avenida da Costa e Camiño Real, na parroquia de Combarro, furtáronse unhas 30 plantas de tempada (violas) cuxo valor total é de 97,50 euros.
O 17 de abril, na raqueta de canalización do tráfico que existe na confluencia da Avenida da Praia con Camiño Canteira, en Lourido, subtraen 10 diplademias, con valor de 79,75 euros. E o día 19 de abril, na glorieta da Avenida Peirao Besdada en confluencia coa Avenida Andurique e Porteliña, subtraen 10 surfinias con valor 29,50 euros.
A listaxe continúa o día 20 de abril, na glorieta onde conflúe a Avenida Seca, con Avenida Seara e a PO-535, subtraen 12 alegrías (sunpatien), cun valor de 35,40 euros e o 27 de abril dúas accións similares, unha na glorieta onde conflúen a Avenida Peirao Besada coa PO-309, subtraen 4 alegrías (sunpatien) cun valor de 11,80 euros e na glorieta onde conflúe a Avenida Andurique, con Avenida da Barca e Avenida Antelo e Mariño, subtraen 10 xeranios con valor de 20 euros.